Trenor destaca que o retraso nas licenzas do Concello retrasa as obras de mellora do CEIP Eusebio da Garda e do IES Rafael Dieste

O Goberno galego solicitou as licenzas municipais para estas dúas actuacións no verán e suporán un investimento na cidade de case 2,2 millóns de euros

A Coruña, 7 de marzo de 2022

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, pediu esta mañá, na presentación do concurso do Concurso de Debuxo Picasso coruñés no IES Eusebio da Garda, que o Concello da Coruña axilice as licenzas para poder levar a cabo as obras de rehabilitación integral do CEIP Eusebio da Garda e a substitución de cuberta e renovación de fachadas norte e sur no IES Rafael Dieste. O representante do Goberno galego destacou que a Xunta presentou a solicitude de licenza para levar a cabo as obras no CEIP Eusebio da Garda o 27 de xullo de 2021 e para a actuación no IES Rafael Dieste o 24 de xuño.

Trenor lembrou que ambas obras supoñen un investimento total na cidade de case 2,2 millóns de euros, xa que a rehabilitación integral do CEIP Eusebio da Garda licitarase por máis de 1,4 millóns de euros e as melloras do IES Rafael Dieste contan cun investimento de case 800.000 euros.

O delegado da Xunta destacou que “son dúas actuacións moi importantes para a cidade e encádranse dentro do interese do Goberno galego por levar a cabo a mellora dos centros educativos da Coruña”, polo que desde a administración autonómica “hai o máximo interese para que se poidan acometer estas obras no prazo máis curto posible e sobre todo tendo en conta a envergadura das mesmas é fundamental contar coas licenzas canto antes para poder aproveitar a chegada do bo tempo en primavera e no verán”.

CEIP Eusebio da Garda

A rehabilitación do CEIP Eusebio da Garda incluirá actuacións no edificio principal como a restauración das xanelas, a substitución do falso teito e a iluminación da planta. Executaranse ademais pequenas reparacións na fachada principal e na cuberta, así como reformas interiores na planta baixa coa unificación de espazos.

Outra das actuacións consistirá en acondicionar a aula situada na parte posterior do edificio coa substitución de xanelas, illamento térmico e nova cuberta. Tamén nos ximnasios repararanse cubertas e xanelas.

Tal e como lembrou o delegado, esta actuación e a substitución de cuberta e renovación de fachadas norte e sur no IES Rafael Dieste están enmarcadas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica que, cun orzamento de 191 millóns de euros ata o 2024, ten como obxectivo deseñar un modelo de colexios postcovid, con espazos máis amplos, máis saudables e máis sustentables desde o punto de vista ambiental. “Fixamos con estas intervencións a arquitectura de presente e de futuro adecuada aos requerimentos e ás necesidades pedagóxicas”, sinalou Trenor
 

Imaxes relacionadas