Luis lópez anuncia que a Xunta executará ou activará 22,4 M€ en investimentos ao longo deste ano no concello de Lalín

O delegado territorial presidiu esta mañá a sesión mensual da Comisión Territorial da Delegación da Xunta en Pontevedra, celebrada no Concello de Lalín ao abeiro do seu percorrido itinerante pola provincia, que xa a levou por Oia, Covelo, O Grove e Campo Lameiro

“Lalín é un dos concellos máis importantes do centro de Galicia e da nosa provincia, que ademais dinamiza social e economicamente a unha ampla contorna, e por iso a Xunta aposta de xeito global polas súas necesidades cuns fortes investimentos que amosan o noso compromiso e colaboración co seu desenvolvemento”, explicou o representante autonómico

Lalín, 7 de marzo de 2022

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anunciou este mediodía que o Goberno galego executará ou activará investimentos por 22,4 millóns de euros ao longo deste ano no Concello de Lalín, segundo se analizou na sesión mensual de marzo da Comisión Territorial da Delegación da Xunta en Pontevedra celebrada na capital dezá.
“Lalín é un dos concellos máis importantes do centro de Galicia e da nosa provincia e ademais dinamiza social e economicamente a unha ampla contorna, polo que dende a Xunta apostamos de xeito global polas súas necesidades cuns fortes investimentos, que son perfectamente visibles, que proceden de todas as consellerías con moita intensidade e que amosan o absoluto compromiso do Goberno galego para colaborar co seu desenvolvemento”, explicou o representante autonómico.
O delegado territorial, acompañado pola secretaria territorial e pola ducia de xefes territoriais das distintas consellerías que conforman este órgano, foi recibido no Castro Tecnolóxico polo alcalde de Lalín, José Crespo, e por outros representantes municipais e agradeceu a acollida e a cesión do salón de plenos da casa consistorial para celebrar esta comisión ao abeiro do seu percorrido itinerante por toda a provincia.
No marco desta política de descentralización e cercanía da Delegación da Xunta en Pontevedra por todo o territorio da área provincial, estas xuntanzas de traballo xa se celebraron anteriormente nos municipios de Covelo, Oia, O Grove e Campo Lameiro e chegan por vez primeira á bisbarra do Deza.
Na reunión fíxose un estudo de situación das principais cuestións da Xunta de Galicia nos 47 concellos da área territorial, abordando a situación sanitaria da pandemia da covid-19, o estado dos centros educativos tanto no que se refire aos índices de contaxio como aos preparativos cara o vindeiro curso académico, os aspectos turísticos en materia de axudas de modernización, do Bono Turístico 2022 e do Xacobeo, as medidas iniciais en materia de prevención de lumes forestais ante a inminente chegada da primavera ou os niveis de emprego, entre outras.
Así mesmo, e tal e como se fai en cada municipio que acolle a comisión, analizáronse polo miúdo os investimentos da Xunta, neste caso os 22,4 millóns de euros para o Concello de Lalín, co obxectivo de trasladar diversos aspectos ás distintas consellerías para que a súa xestión sexa o máis áxil posible.
No caso da capital dezá, os investimentos 2022 previstos ata a data polo executivo autonómico, xa que poderían medrar nos dez meses que restan de ano, pasan polo Centro Integral de Saúde, con algo máis de 9 millóns de euros; a activación do tanque de tormentas e da mellora do saneamento, con 6,7 millóns de euros; a remodelación do estadio Manuel Anxo Cortizo, con 459.000 euros; as expropiacións e o inicio da urbanización da ampliación do parque empresarial Lalín 2000, con 2,4 millóns de euros; os investimentos como destino turístico e accións do Camiño de Santiago e do Xacobeo, con 962.000 euros; o remate da rehabilitación do CEIP Xoaquín Loriga de Prado, con 661.000 euros; ou a renovación de luminarias no IES Ramón Aller, con 112.000 euros.
No referente ao medio rural, está previsto que se invistan 900.000 euros na reforma da nave de Botos para taller de mecanizado de todoterreos e motobombas e almacén de loxística, 114.000 euros no Plan Marco de mellora de camiños e 100.000 euros no arranque do edificio administrativo. E tamén haberá fondos para cuestións económicas e laborais, con máis de 500.000 euros para os respectivos semestres dos dous obradoiros de emprego, 250.000 euros para o Programa Integrado de Emprego e máis de 100.000 euros para a posta en marcha do novo espazo de coworking.

Imaxes relacionadas