A conselleira de Política Social visitou esta mañá a escola infantil municipal e a unidade de atención temperá de Negreira

Fabiola García sinala que o Goberno galego fomenta a igualdade de oportunidades coa creación de servizos de atención á infancia no rural

O Goberno galego destina 42.500 euros á escola infantil municipal para o seu mantemento e para a implantación da gratuidade para segundos fillos e sucesivos

Lembrou que a Xunta é pioneira na implantación desta gratuidade, que será ampliada a primeiros fillos a partir do próximo mes de setembro

Negreira (A Coruña), 7 de marzo de 2022

A conselleira de Política Social, Fabiola García, sinalou que o Goberno galego fomenta a igualdade de oportunidades coa creación de servizos de atención á infancia no rural. Esta mañá visitou a escola infantil municipal e a unidade de atención temperá de Negreira, onde lembrou que durante os últimos anos a Xunta traballou para que o rural galego sexa un lugar que ofrece oportunidades para as familias.
A conselleira destacou que a escola infantil municipal de Negreira conta cunha achega anual por parte do Goberno galego de 42.500 euros, destinada ao mantemento do centro e a sufragar a gratuidade para segundos fillos e sucesivos. Neste sentido, salientou que esta medida, pioneira en toda España, será ampliada a primeiros fillos a partir de setembro, co inicio do curso académico 2022-23, e beneficiará a todas as escolas infantís de Galicia, tanto ás públicas autonómicas como ás municipais, ás privadas e ás de iniciativa social.
Fabiola García remarcou que a etapa educativa de 0 a 3 anos ten demostrado ser fundamental para os máis pequenos. Ademais de ofrecer un servizo de conciliación, as escolas infantís permiten fomentar o desenvolvemento cognitivo das nenas e nenos e identificar posibles trastornos no crecemento. Ademais, e de xeito específico, a Xunta segue a fomentar a creación de unidades de atención temperá en toda Galicia para axudar ás familias a detectar e atender estas situacións en nenos de 0 a 6 anos.
Convocatoria 2022
“A atención temperá foi durante moito tempo un recurso reservado ás cidades e considerado de luxo”, sinalou. Desde o ano 2009, o Goberno galego estendeu a rede de atención temperá ao pasar de tres unidades abertas, ás 36 actuais que cobren e dan servizo a 167 concellos galegos. Neste punto, recordou que continúa aberta a nova convocatoria deste ano 2022, que permitirá chegar ás 50 unidades repartidas por toda a Comunidade e na que a Xunta investirá 6,2 millóns de euros.

Imaxes relacionadas