O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, mantivo un encontro de traballo con responsables da Asociación galega contra as enfermidades neuromusculares

A Xunta apoia con 12.000 euros o programa de promoción da autonomía persoal de ASEM Galicia con cargo ao IRPF

Con esta achega económica fináncianse servizos de terapia ocupacional, atención psicolóxica, fisioterapia ou de formación para a vida independente

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2022

A Xunta de Galicia apoia con 12.000 euros procedentes dos fondos do IRPF o programa de promoción da autonomía persoal que desenvolve a Asociación galega contra as enfermidades neuromusculares (Asem Galicia). O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando Abeijón, mantivo esta semana un encontro de traballo co presidente desta asociación, Manuel Rego, no que abordaron as liñas de colaboración abertas coa entidade.
Fernando González Abeijón destacou o traballo de prevención da dependencia e a prol dunha vida autónoma que leva a cabo Asem Galicia. Ademais, explicou que coa axuda económica que recibe esta entidade da Xunta se prestan servizos de terapia ocupacional, atención psicolóxica especializada individual e en grupo, fisioterapia ou de formación e apoio para favorecer o desenvolvemento persoal para a vida independente.
Así mesmo, a Consellería de Política Social outorgou a Asem Galicia outros 6000 euros para o patrocinio da terceira edición das Xornadas galegas sobre enfermidades neuromusculares.

Rede estendida por toda España

Asem Galicia forma parte dunha ampla rede estendida por todo o territorio nacional e que forman 22 asociacións de pacientes que traballan día a día para mellorar a situación das persoas afectadas e das súas familias. O seu principal obxectivo é contribuír a mellorar o benestar deste colectivo, así como difundir, sensibilizar e facilitar información sobre a realidade e as necesidades específicas que teñen as persoas con este tipo de doenzas.

Imaxes relacionadas