O conselleiro do Medio Rural mantivo unha xuntanza coa alcaldesa para coñecer de primeira man as necesidades e demandas dos veciños deste municipio coruñés

A Xunta e o Concello de Trazo estudan a posibilidade de implantar polígonos agroforestais para a produción de forraxe para o gando

José González sinalou que a implantación desta ferramenta de recuperación e posta en valor da terra, recollida na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, permitirá poñer en produción grandes áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva

Comprometeuse a organizar neste municipio un curso sobre as competencias empresarias nas explotacións gandeiras e outro sobre a xestión de doenzas que afectan aos castiñeiros

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2022

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, mantivo un encontro coa alcaldesa de Trazo, Josefina Suárez, para coñecer de primeira man as necesidades e demandas dos veciños deste municipio coruñés relacionadas co agro. Entre os temas analizados, acordaron buscar varias zonas idóneas para desenvolver polígonos agroforestais dedicados ao cultivo de forraxe para o gando.

Neste senso, José González sinalou que a implantación de polígonos agroforestais -ferramenta que contempla a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia- permitirá poñer en produción grandes áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva que acadou co paso do tempo un estado de abandono ou infrautilización, recuperando deste xeito unha actividade agrícola ou forestal na zona. Ademais, tamén se contempla a posibilidade de reordenar os usos actuais dalgunhas zonas para dedicar tamén esas áreas ao cultivo de forraxes.

Seguindo co sector gandeiro, o conselleiro comprometeuse a organizar un curso para impulsar as competencias empresariais nas explotacións gandeiras, impartido por escolas de negocios, co fin de profesionalizar ao sector e impulsar tamén este eido entre os mozos e mozas. Así, José González salientou que este tipo de cursos perseguen, en primeiro lugar, facilitar aos participantes coñecemento e ferramentas útiles no campo do control e xestión de custos. Trátase, tamén, de facilitarlles unha visión e un potencial máis amplos no eido económico sobre a súa actividade gandeira e identificar proxectos conxuntos ou individuais que poidan ser susceptibles de apoio posterior por parte da Xunta.

Por último, ambos dirixentes acordaron tamén celebrar outro curso neste municipio, dirixido aos veciños en xeral e aos produtores de castaña en particular. Trataríase dunha xornada informativa sobre as accións a levar a cabo para combater certas doenzas que afectan aos castiñeiros, tales como a avespiña ou o chancro.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural