A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu esta mañá aos debates

A Xunta celebra a fase clasificatoria na categoría da ESO do programa Parlamento Xove

Participan máis de 90 mozas e mozos de 3º e 4º da ESO de 20 centros de toda Galicia

O tema a debate é: ‘Debería existir unha regulación para ser youtuber ou influencer que garanta que desempeñen as súas funcións correctamente?

Desta fase clasificatoria sairán oito equipos que pasarán á fase final que terá lugar no mes de maio
 

Culleredo (A Coruña), 5 de marzo de 2022

A Xunta celebrou entre hoxe e onte a fase clasificatoria na categoría da Ensinanza Secundaria Obrigatoria (ESO) do programa Parlamento Xove no Centro Residencial Docente de Culleredo. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu esta mañá ao desenvolvemento dos debates nos que participaron máis de 90 mozas e mozos de 3º e 4º da ESO de 20 centros educativos de toda Galicia.

Neste ano recuperouse a modalidade presencial, logo de que o ano pasado se celebraran os debates en liña por mor da pandemia da covid-19. Malia a todo, poderanse seguir as xornadas en directo en streaming logo do éxito acadado na anterior edición na que as fases clasificatorias contaron con 5.000 visualizacións. O tema a debater nesta fase é ‘Debería existir unha regulación para ser youtuber ou influencer que garanta que desempeñen as súas funcións correctamente?

As mozas e mozos participantes, que recibiron unha formación durante o mes de febreiro, coñecerán cinco minutos antes do debate se teñen que defender a postura a favor ou en contra. Os oito equipos que resulten vencedores nesta fase pasarán á fase final que terá lugar no mes de maio. Paralelamente, desenvolverase un concurso voluntario de artigos de investigación sobre o tema formulado.

Os premios desta edición serán unha viaxe valorada en 5.000 euros para cada un dos equipos gañadores das categorías escolares e en 2.500 para o equipo gañador da categoría universitaria. Así mesmo, contarán cunha mención especial e cun agasallo os mellores oradores e os mellores artigos de investigación en cada unha das categorías.

Centros participantes

Os centros da ESO que participaron nesta fase clasificatoria son: dous equipos do CPR Plurilingüe Sagrada familia 1 (Vilagarcía), dous equipos do CPR Maristas a Inmaculada 1 (Lugo), CPR Plurilingüe Liceo La Paz (A Coruña), Colexio Internacional SEK-Atlántico (Poio), CPR Santiago Apóstol (Soutomaior), Colexio Maristas Cristo Rei (A Coruña), CPR San José de Cluny (Santiago), CPR Plurilingüe San José Fec (Lugo), IES A Xunqueira II (Pontevedra), Colexio La Salle (Santiago), CPR Plurilingüe Santa María (Ourense), Mª Inmaculada Carmelitas Vedruna (Vigo), IES Rafael Puga Ramón (A Coruña), CPR Plurilingüe Miraflores (O Pereiro de Aguiar), IES Salvaterra de Miño, CPR Plurilingüe Compañía de María (Cangas), IES Miguel Ángel González Estévez (Vilagarcía), CPR Eduardo Pondal (Cangas), IES A Pinguela (Monforte) e IES AS Mariñas (Betanzos).

Parlamento Xove leva desde o ano 2010 premiando e fomentando o debate nos centros escolares e entre a mocidade galega. Ao longo deste tempo foron preto de 400 os equipos procedentes dos centros galegos de ESO ou Bacharelato e 14 de universidades. O programa conta con categorías escolares, tanto para a ESO como para Bacharelato, e tamén cunha categoría universitaria na que poden participar os estudantes de grao dos sete campus e das tres universidades galegas.