A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o alcalde mantiveron unha reunión para falar deste e doutros asuntos de interese municipal

A Xunta apoiará ao concello de Leiro no impulso da súa primeira Área de rehabilitación integral

Ángeles Vázquez sinala que Galicia fixo unha forte aposta por esta figura, coa declaración de 76 ARI municipais e 3 supramunicipais nos últimos 25 anos e un investimento mobilizado para a súa posta en valor de 185 millóns de euros

O rexedor trasládalle que Leiro optará este ano aos distintivos ‘Vilas en Flor’, unha iniciativa para poñer en valor os espazos verdes e axardinados dos municipios galegos

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2022

A Xunta de Galicia comprometeu o seu apoio e asesoramento ao Concello de Leiro co obxectivo de avanzar na tramitación da futura Área de rehabilitación integral de San Pedro, que sería a primeira deste municipio.

No marco dunha reunión para abordar diferentes asuntos de interese municipal, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, trasladoulle ao alcalde, Francisco Fernández, que pode contar coa colaboración técnica do Instituto Galego da Vivenda e Solo para avanzar no seu proxecto.

Tras lembrar que a Xunta apostou desde o principio por esta figura para recuperar determinados ámbitos das vilas e cidades galegas, a conselleira incidiu en que nos últimos 25 anos se teñen declarado 76 ARIs municipais e 3 máis de carácter supramunicipal —Camiños de Santiago, Illas Atlánticas e Ribeira Sacra—, un balance que converte a Galicia na Comunidade con máis áreas deste tipo e cun investimento mobilizado ata o momento de 185 millóns de euros.

Pola súa parte, o alcalde de Leiro trasladoulle o interese do Goberno local por dotar ao municipio da súa primeira área de rehabilitación integral e indicou que nestes momentos xa conta cunha memoria do proxecto que inclúe a delimitación do futuro ámbito. Así, a zona proposta está situada na contorna da Capela de San Pedro —da que toma o seu nome—, ao oeste do núcleo de Leiro, e abrangue unha superficie que supera os 80.000 metros cadrados na que se localizan máis de 50 construcións.

Segundo explicou o alcalde, a través da futura ARI preténdese apostar por un modelo de crecemento ordenado e adaptado á realidade do propio núcleo, poñendo en valor un novo espazo de rehabilitación e actividade económica que contribúa a evitar o abandono, revitalice a contorna e fixe poboación, facendo tamén fincapé na recuperación

Neste sentido, a conselleira considerou que a figura da área de rehabilitación integral encaixa á perfección con estes obxectivos, polo que animou ao rexedor a seguir traballando e dando pasos para lograr a declaración do ámbito proposto dentro do núcleo de Leiro.

Así, lembrou que, unha vez declarada a ARI polo Consello da Xunta, os veciños de Leiro poderán beneficiarse de incentivos para executar actuacións de rehabilitación nos seus inmobles, mentres que o propio Concello tamén poderá acceder a axudas públicas para recuperar espazos públicos nos que se localicen as vivendas a rehabilitar, con axudas de ata 2.000 euros por cada unha.

Vilas en Flor

Por outra banda, o rexedor ourensán aproveitou a reunión para informar á conselleira de que Leiro optará este ano ao certame Vilas en Flor, unha iniciativa coordinada pola Fundación Juana de Vega no marco do labor que desenvolve co fin de lograr a mellora integral do territorio e da paisaxe en Galicia e na que colabora tamén a Consellería.

Neste sentido, explicou que o Goberno local xa ten lista a súa candidatura ás chamadas flores de honra, distintivos que concede anualmente un xurado especializado —ata un máximo de cinco por concello— a aqueles municipios que de forma voluntaria deciden participar no programa e presentan unha memoria na que se recollen os principais espazos verdes e zonas axardinadas que os fan merecedores deste recoñecemento.

Imaxes relacionadas