Política Social agradece a Special Olympics o seu esforzo por facer de Galicia un lugar máis inclusivo

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 5 de marzo de 2022

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, asistiu hoxe á inauguración dos 27º Xogos Autonómicos de Deportes minoritarios organizados por Special Olympics Galicia. Esta iniciativa permite que, unha vez máis, as persoas con discapacidade poidan practicar e desfrutar do deporte nun ambiente de igualdade.

O evento tivo lugar no Complexo Deportivo Municipal Fontecarmoa de Vilagarcía e desenvolverase ao longo de todo o día. O director xeral destacou que, grazas a iniciativas coma esta, Galicia segue avanzando cara unha sociedade cada vez máis inclusiva, na que o importante é seguir potenciando a presencia do deporte adaptado para as persoas con discapacidade.