A Xunta inviste 156.000 euros na mellora de pistas forestais e cortalumes en montes do distrito I - Ferrol

Os traballos de prevención localízanse en distintos montes de xestión pública dos concellos de Monfero, A Capela, Ortigueira, Cariño e Cedeira

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2022

A Consellería do Medio Rural comezou os traballos preventivos de mellora e acondicionamento de pistas forestais e cortalumes en montes de xestión pública situados no Distrito Forestal I – Ferrol, por importe de 156.000 euros. Concretamente, en montes dos concellos de Monfero, A Capela, Ortigueira, Cariño e Cedeira.

Así, ao longo destes días vanse levar a cabo traballos de roza mecanizada de matogueira en 50 hectáreas de superficie, ademais de limpeza de marxes de camiños noutras case 31 hectáreas. No tocante aos cortalumes, vanse acondicionar os existentes en case 4 hectáreas de superficie e melloraranse máis de 12 quilómetros de pistas forestais.

Todas estas actuacións buscan mellorar o acceso a estes montes por parte do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais, para así garantir a correcta circulación dos vehículos antiincendios. Ademais, tamén se busca interromper a continuidade da vexetación naqueles lugares especialmente axeitados de cara a deter un posible incendio forestal na zona e protexer os principais valores naturais existentes nela.

As obras enmárcanse no Plan de prevención de incendios forestais da Consellería do Medio Rural, que no ano 2021 contou cun orzamento de case 30 millóns de euros para actuar en máis de 58.000 hectáreas de territorio e nuns 5.000 quilómetros de pistas e vías de comunicación. O obxectivo final destas accións preventivas é evitar que o lume se produza, e en caso de producirse, limitar ao máximo a súa propagación e minimizar os danos causados.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural