A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento participou no Foro Esenciais en bioeconomía, organizado pola Axencia Galega da Industria Forestal (Xera)

A Xunta lanzará o próximo 18 de marzo a súa segunda consulta pública ao mercado do proxecto “Aldeas intelixentes, solucións de futuro para aldeas sostibles”

Inés Santé puxo en valor esta iniciativa que conta cun orzamento inicial superior aos 5 millóns de euros, para obter solucións innovadoras que impulsen a recuperación dos núcleos rurais galegos

Na primeira consulta pública, 124 pemes e 44 corporacións presentaron un total de 168 propostas coas que dar resposta a un ou a varios dos retos propostos pola Consellería do Medio Rural

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2022

A Xunta lanzará o vindeiro 18 marzo a súa segunda consulta pública ao mercado do proxecto “Aldeas intelixentes, solucións de futuro para aldeas sostibles”. Así o anunciou a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, durante a súa participación no Foro Esenciais en bioeconomía, organizado pola Axencia Galega da Industria Forestal (Xera).
No apartado do evento dedicado ao rural, a directora xeral referiuse a esta iniciativa do Goberno galego que persegue obter solucións innovadoras para impulsar a recuperación dos núcleos rurais. Segundo apuntou, o seu obxectivo é conseguir un territorio rural galego intelixente a través da creación dunha rede de aldeas modelo que potencien os grandes valores das áreas rurais e que proporcionen aos actores locais as ferramentas para aproveitar o seu potencial contribuíndo así a grandes retos como a seguridade alimentaria, a demografía ou o cambio climático.

Deste xeito, co fin de contribuír a un territorio rural intelixente galego, Inés Santé salientou que se busca desenvolver e implementar na rede de aldeas modelo unha serie de solucións innovadoras en catro liñas diferentes. Así, inicidirase no desenvolvemento de servizos dixitais rurais, en solucións tecnolóxicas para a bioeconomía en aldeas, na sustentabilidade e economía circular da produción agraria en aldeas modelo e na construción e urbanización sustentable nas aldeas con solucións baseadas na natureza e na transición enerxética.

Ás portas da segunda fase da consulta preliminar ao mercado co fin de identificar necesidades específicas, definir os casos de uso e establecer aplicacións concretas para fixar o alcance do proxecto de aldeas intelixentes, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural lembrou que na primeira consulta se presentaron un total de 168 propostas, a cargo de 124 pemes e de 44 corporacións.

Cabe engadir que a iniciativa, que se enmarca na Estratexia Galicia Dixital 2030 e no programa territorio intelixente que impulsa a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, conta cun orzamento inicial superior aos 5 millóns de euros de fondos propios da Xunta, que se espera poder ampliar con outras fontes de financiamento vinculadas a Next Generation UE ou ao programa FID do Ministerio de Ciencia e Innovación para acadar un orzamento global próximo aos 15 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural