A Xunta apoia as actuacións en favor do desenvolvemento veciñal da Federación de Asociacións de Veciños Eduardo Chao de Vigo

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe na entrega dos diplomas aos participantes nos cursos de formación e obradoiros organizados pola entidade

Lembrou que a orde de axudas do Plan específico de acción comunitaria incrementa este ano o orzamento nun 20%, ata acadar os 3 millóns de euros

A Xunta tamén colabora con esta organización no marco do convenio coa Confederación Galega de Asociacións Veciñais Rosalía de Castro (Cogave) e cinco das súas federacións ás que este ano destinou 65.000€ para garantir o seu funcionamento

Vigo, 4 de marzo de 2022

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, fixo entrega esta mañá dos diplomas aos participantes nos cursos de formación e obradoiros organizados pola Federación de Asociacións de Veciños Eduardo Chao (Favec) de Vigo, entidade coa colabora o Goberno galego na posta en marcha de accións en favor do desenvolvemento veciñal. Ao acto tamén acudiron a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, xunto coa presidenta da Favec, María Pérez.
Alfonso Rueda agradeceu á entidade o seu traballo en favor do activismo social e da mellora de vida dos veciños da súa contorna, obxectivo no que se encadran os programas de formación levados a cabo nos últimos meses coa colaboración da Xunta.
En concreto, os usuarios puideron mellorar as súas habilidades informáticas ou asistir a clases de ioga, participar nos obradoiros de memoria os mellorar as súas competencias culinarias. A oferta de cursos de Favec incluíu tamén aos máis pequenos, para os que se programaron actividades de conciliación e creatividade.
A colaboración da Xunta coas federacións e asociacións de veciños materializase a través da orde de axudas do Plan específico de acción comunitaria. O vicepresidente primeiro da lembrou que a Xunta vén de renovar esta orde, na que o Goberno galego incrementa o orzamento nun 20%, ata acadar os 3 millóns de euros, na súa aposta polo asociacionismo veciñal e a xestión conxunta de bens e servizos por parte da poboación galega.
A orde de subvencións enmárcase no plan específico de acción comunitaria, destinado a asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia.

Da convocatoria do ano pasado desta liña de axudas beneficiáronse 173 entidades veciñais da comunidade ás que a Xunta destinou 2,5 millóns de euros. Na área de Vigo, foron 43 as entidades beneficiarias e percibiron un total de 600.000 euros para financiar o acondicionamento, a reforma ou a ampliación dos seus locais sociais, así como a compra do equipamento necesario para o seu funcionamento. No caso das comunidades de usuarios de augas tamén se apoian os proxectos de mellora, reforma e reparación das instalacións das traídas de auga para garantir o abastecemento.

Nese contexto, a Xunta tamén renovou o seu compromiso e apoio ás federacións de veciños de Galicia cun novo convenio coa Confederación Galega de Asociacións Veciñais Rosalía de Castro (Cogave) e cinco das súas federacións -a Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e Área Metropolitana, a Federación de Asociacións de Veciños Lucus Augusti de Lugo, a Federación de Asociacións de Veciños Limiar de Ourense, a Federación de Asociacións de Veciños Castelao de Pontevedra e tamén esta Federación de Asociacións de Veciños Eduardo Chao de Vigo- por importe de 65.000 euros co obxectivo de apoiar o seu funcionamento. Así, mantense a colaboración e a interlocución fluída cunha entidade que reúne á meirande parte das federacións veciñais de Galicia. De feito, nos últimos anos o investimento da Xunta froito desta colaboración acada os 579.500 euros.

No marco dese convenio, a Federación de Asociacións de Veciños Eduardo Chao de Vigo percibiu 7.000 euros para as súas actividades, pensadas e deseñadas para proporcionarlles aos seus asociados a posibilidade de participar e formarse, ao tempo no que contribúen á convivencia e á ocupación do seu tempo libre.

Imaxes relacionadas