A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro participou na presentación da terceira edición dun proxecto de colaboración da asociación Amicos para a protección do litoral

A Xunta pon en valor a contribución do programa Re-Mar á redución dos residuos mariños no arco Atlántico Galego

Nesta edición da iniciativa preténdese incidir máis nos danos colaterais que sofren as especies mariñas que habitan na Rede Natura 2000, promocionando á súa vez a visibilización e o empoderamento das persoas con discapacidade intelectual

Susana Rodríguez animou á cidadanía a unirse a este reto e sumar esforzos para facer fronte á contaminación mariña

Ribeira (A Coruña), 3 de marzo de 2022

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, participou hoxe en Ribeira na presentación da terceira edición do proxecto Re-Mar, unha iniciativa impulsada pola asociación Amicos co obxectivo de reducir os residuos mariños a través da recollida, tratamento e prevención da súa xeración mediante a colaboración da cidadanía e o sector pesqueiro. “Moito temos mudado nos últimos anos na nosa relación co mar e boa mostra dese cambio é este proxecto que emprega á poboación local para reforzar a coordinación entre os sectores máis estreitamente ligados co mar”, destacou a representante da Xunta.

Neste sentido, a directora xeral agradeceu o labor de Amicos e salientou o compromiso deste proxecto coa visibilización e o empoderamento das persoas con discapacidade intelectual como motores de cambio dos retos ambientais. Así, animou á cidadanía a sumarse a este obxectivo e coidar o medio con pequenas accións cada día.

Re-Mar botou a andar no 2019 e, nesta terceira edición, a iniciativa pretende incidir nos danos colaterais que sofren as especies mariñas que habitan na Rede Natura 2000, derivados do impacto de residuos como os aparellos de pesca, os restos de hidrocarburos, as cabichas ou os ruídos das embarcacións recreativas.

“A contaminación mariña é un dos nosos maiores retos ambientais no que estamos todos involucrados no marco dunha conciencia colectiva que pon en valor os recursos pesqueiros desde o triplo eixo ambiental, social e económico”, asegurou Susana Rodríguez.

Suma de esforzos

O proxecto Re-Mar III conta coa colaboración directa do Parque Nacional das Illas Atlánticas, a Xunta de Galicia, a Fundación Biodiversidade, confrarías de pescadores, colexios e institutos de educación secundaria e empresas relacionadas coa economía azul. Desenvólvese en toda a costa do arco atlántico galego, centrándose en aqueles puntos de especial conservación como o Parque Nacional, o complexo litoral de Corrubedo, o esteiro do Miño e o litoral da Guarda, o complexo intermareal Umia-O Grove, a Costa da Morte e o Parque Natural das Fragas do Eume.
Para iso, pon en marcha diversas accións como xornadas de recollida de lixo por mar e terra, campañas de información e sensibilización sobre os danos causados á Rede Natura 2000, formacións a profesionais do sector pesqueiro e a supervisión das prácticas en materia de xestión de residuos a bordo de pequenas embarcacións pesqueiras e recreativas, entre outras.

Ademais da conselleira do Mar, na presentación participaron, entre outros, a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, e o director do Parque Nacional das Illas Atlánticas, José Antonio Fernández.