Trenor destaca o gran avance na alimentación eléctrica do polígono da Sionlla coa nova subestación de Naturgy que contou cun apoio da Xunta de 3,7 millóns de euros

O delegado da Xunta supervisou o funcionamento desta nova instalación que serve tamén de apoio á rede existente da subestación de San Caetano

Trenor lembrou que na actualidade o solo dispoñible para adquirir neste parque empresarial é de 137.242 m2, distribuídos en 35 parcelas

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2022

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo delegado de Naturgy en Galicia, Julio Gonzalo, visitou esta mañá o polígono da Sionlla para supervisar o funcionamento da nova subestación que dá servizo a este parque empresarial, que supuxo un investimento de 6 millóns de euros, e que contou coa axuda da Xunta de 3,7 millóns de euros.

A nova subestación eléctrica de UFD, distribuidora eléctrica de Naturgy, é de última xeración tecnolóxica, e realizará a transformación de enerxía de 66 a 20 kilovoltios (kV) mediante dous transformadores de 25 megavatios de potencia cada un. A infraestrutura inclúe os sistemas máis avanzados de seguridade, protección e manobra.

Trenor destacou que con esta actuación garantizamos a alimentación eléctrica a todas a empresas instaladas neste parque e serve tamén de apoio á rede existente da subestación de San Caetano.

Solo industrial

O delegado da Xunta lembrou que A Sionlla é un polígono que rexistrou un espectacular crecemento nos últimos anos, propiedade da Xunta, suma 1.382.799 m2 e contou cun investimento do Goberno galego de máis de 72 millóns de euros.

Nesta superficie intégrase tamén o novo Polo Biotech, un espazo estratéxico para as empresas de innovación biotecnolóxica, con 95.549 m2 que foron reservados pola Xunta e cun centro de fabricación avanzada que se atopa en construción, cun apoio de 4 millóns de euros do Goberno galego.

Por último, Trenor lembrou que na actualidade o solo dispoñible para adquirir son 137.242 m2, distribuídos en 35 parcelas. Só o ano pasado adxudicáronse 20 parcelas, que sumaron unha superficie de 85.713,50 m2 cunha bonificación do prezo do 30%.

Imaxes relacionadas