A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, acompañada da delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, asistiu á apertura desta mostra

A Xunta inaugura a exposición itinerante ‘Xuventude Crea. Máis dunha década’ na sede de Afundación en Ferrol

Esta mostra recolle algunha das creacións deste programa durante os últimos dez anos en seis categorías distintas

Desde o ano pasado percorreu gran parte da xeografía galega ao pasar por Ribeira, Lalín, Vigo, Tui, Pontevedra, Lugo, Ourense ou Santiago de Compostela

Ferrol, 3 de marzo de 2022

A sede de Afundación en Ferrol acolle desde hoxe a exposición Xuventude Crea. Máis dunha década, que repasa os máis de dez anos de vida dun programa que busca recoñecer e dar visibilidade á innovación da xente nova de Galicia en 14 disciplinas diferentes. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, acompañada da delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, asistiu esta mañá á inauguración da mostra.

A exposición, que ten carácter itinerante, está conformada por diferentes traballos de mozas e mozos galegos en seis destas disciplinas nunha iniciativa da Xunta de Galicia que promove o talento e a creatividade da mocidade galega. A exhibición pódese ver cada mes nun concello diferente. Así, en Ferrol permanecerá durante todo o mes de marzo.

Esta mostra comezou a andar en maio do ano pasado. Neste tempo percorreu as catro provincias galegas nunha xira que tivo como primeiro destino Ribeira para despois continuar por Lalín, Vigo, Tui, Pontevedra, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela e, agora, Ferrol. Nos vindeiros meses seguirá o seu camiño cara outras localidades de Galicia.

Ademais desta exposición rotatoria dos traballos e talento dalgún dos 4.000 participantes que formaron parte do Xuventude Crea nestes 12 anos de programa, tamén se está avanzando na creación dun museo dixital no que dar difusión ás obras destes artistas e abrirlle portas a museos, teatros ou editoriais.

Imaxes relacionadas