O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, explicou hoxe no Parlamento de Galicia as melloras neste programa de atención alimentaria a domicilio

A Xunta reforza o Xantar na Casa no ámbito tecnolóxico, medioambiental e de prevención da dependencia e a soidade non desexada

O obxectivo é levar esta iniciativa a 2000 fogares galegos ao longo deste ano

Estanse a instalar sensores nas vivendas dos usuarios con deterioro cognitivo para asegurar que estas persoas seguen as pautas de alimentación correctas

Introdúcese o etiquetado QR para posibilitar que calquera persoa poida acceder a información relevante dos menús

Increméntase o tempo que o persoal do programa está coas persoas usuarias e fanse chamadas periódicas a aquelas que precisan de acompañamento

Utilizaranse envases respectuosos coa contorna natural, co fin de favorecer a reciclaxe e a compostaxe
 

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2022

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, deu conta hoxe no Parlamento de Galicia das melloras nos campos tecnolóxico, de prevención da dependencia, de acompañamento e medioambiental que a Xunta está a introducir no programa de atención alimentaria a domicilio Xantar na Casa. Fíxoo na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego, na que fixou como obxectivo estender esta iniciativa a 2000 fogares galegos ao longo deste ano.

Perfecto Rodríguez explicou que nestes momentos se están a instalar sensores nas neveiras e microondas dalgúns usuarios do Xantar na Casa. Estes dispositivos facilitan un seguimento axeitado das pautas de alimentación, en especial daquelas persoas con deterioro cognitivo, e ademais permiten a prevención e detección de situacións que poidan precisar de intervencións no ámbito social ou sanitario. Esta medida irase ampliando a aqueles usuarios que se considere oportuno, logo da valoración que fagan os técnicos do programa cos propios usuarios, coas súas familias e cos servizos sociais.

Outra novidade tecnolóxica que se está a aplicar neste programa, que este ano prevé chegar aos 2000 beneficiarios, é o etiquetado QR. A finalidade desta mellora é posibilitar que calquera persoa poida acceder a información relevante dos menús desde calquera dispositivo electrónico.

Atención á soidade non desexada

Ademais, o xerente salientou que se están levando a cabo actuacións encamiñadas a paliar a soidade non desexada coa posta en marcha dun plan de acompañamento. Con este fin, o persoal de Xantar na Casa incrementou o tempo de atención na entrega dos menús e fanse chamadas telefónicas periódicas a aqueles beneficiarios que precisan de acompañamento. Así mesmo, o persoal do programa reportará ao servizos sociais calquera anomalía ou incidencia que detecten nos fogares.

O xerente do Consorcio tamén apuntou que o Xantar na Casa será cada vez máis sustentable a nivel medioambiental. Para iso, a distribución dos xantares realizarase con procesos e envases respectuosos coa contorna natural, con recipientes reciclables e compostables.

Apoio aos maiores, a persoas dependentes e ás súas familias

Perfecto Rodríguez sinalou que con estas melloras refórzase un programa como Xantar na Casa que é perfectamente compatible e complementario a outros como o Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Ao respecto, insistiu en que os obxectivos desta iniciativa son proporcionar unha alimentación de calidade, nutritiva e saudable; evitar o deterioro da calidade de vida das persoas maiores e dependentes, ás que se lles fai un seguimento e un acompañamento individualizado; e ofrecer un respiro para as familias e as persoas coidadoras, o que redunda tamén no apoio á conciliación da vida familiar e laboral, sobre todo das mulleres.

Na actualidade, o Xantar na Casa chega a case 1800 usuarios e 190 concellos de toda Galicia están adheridos a esta iniciativa. O Goberno galego está aberto a que se sumen máis concellos, para que os seus veciños tamén se poidan beneficiar deste servizo público no que a Xunta inviste uns 2 millóns de euros ao ano.

Os beneficiarios abonan pola comida 1,76 euros ao día, o que supón algo máis de 50 euros ao mes, sendo o prezo de cada menú de 6,60 euros. Desta cantidade, a Xunta achega o 50% e o outro 50% o abonan os concellos e os usuarios a partes iguais.

Perfil dos beneficiarios

Os destinatarios deste programa son, sobre todo, os maiores de 60 anos que viven sos; aínda que se dirixe tamén a persoas dependentes e en risco de exclusión social. Son os concellos, a través dos seus servizos sociais, os encargados de seleccionar ás persoas beneficiarias.

A comida entrégase nos fogares un único día á semana para as sete xornadas; e soamente deberán quentala no forno. Facilítase neveira e microondas a aqueles usuarios que carezan deles, en réxime de préstamo mentres dure o servizo.
 

Imaxes relacionadas