O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou hoxe a sede da entidade e mantivo un encontro con usuarios do programa

A Xunta felicita a Cáritas diocesana de Lugo polo seu programa de atención no domicilio ‘Vivir na Casa’

O Goberno galego destina preto de 190.000 euros a esta e outras iniciativas da entidade a través da orde de axudas con cargo ao Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF)

Lugo, 3 de marzo de 2022

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, felicitou a Cáritas Diocesana de Lugo polo seu programa de atención no domicilio a maiores denominado ‘Vivir na Casa’. Esta mañá visitou a sede da entidade e, a continuación, puido facer unha visita a unha familia que está recibindo este servizo.
O Goberno galego destina 190.000 euros a esta e outras iniciativas da entidade a través da orde de axudas con cargo ao Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF). Cáritas Diocesana de Lugo pon en marcha programas de atención a persoas con discapacidade, e este ano puideron beneficiarse, ademais, da adquisición dun vehículo para a posta en marcha deste programa de atención no domicilio.
O director xeral sinalou que Galicia ten moita sorte de contar cun tecido social tan comprometido e solidario que, cada día, idea novas iniciativas e medidas útiles para os cidadáns. Neste sentido, apuntou que Cáritas Diocesana é un elemento fundamental na mellora da calidade de vida de ducias de lucenses.