A Xunta inviste preto de 90.000 euros na creación e mellora de áreas cortalume en máis de 157 hectáreas dos concellos de Viana do Bolo, A Mezquita, A Gudiña, Castrelo do Val e Riós

Trátase dun total de 10 actuacións para avanzar na anticipación aos incendios forestais no distrito XIV Verín-Viana, moitas delas situadas en zonas de alto risco

Enmárcanse no Plan preventivo da Consellería do Medio Rural, que contou cun orzamento de case 30 millóns de euros no ano 2021 para actuar en máis de 58.000 hectáreas e nuns 5.000 quilómetros de pistas e vías de comunicación

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2022

A Xunta vén de comezar a executar diversos traballos preventivos no distrito forestal XIV Verín-Viana, consistentes na creación e mellora de áreas cortalume. Cun orzamento próximo aos 90.000 euros, suporán ata 10 actuacións nun total de 157,54 hectáreas dos concellos ourensáns de Viana do Bolo, A Mezquita, A Gudiña, Castrelo do Val e Riós, moitas delas situadas en zonas de alto risco de incendio forestal.
Así, na Gudiña xa deron comezo os traballos nos montes comunais de Herosa e Pentes, para continuar logo polo monte comunal do Canizo e A Gudiña. Posteriormente, actuarase en Viana do Bolo (parroquias de Pexeiros e Vilaseco da Serra), na Mezquita (parroquias de Chaguazoso, O Pereiro e A Vilavella), en Castrelo do Val (parroquia de Piornedo) e en Riós (parroquias de Trasestrada, O Navallo e Castrelo de Abaixo).
O obxectivo destas tarefas preventivas é interromper a continuidade da vexetación de cara a atallar posibles incendios na zona, protexendo -ao mesmo tempo- os principais valores naturais existentes. Deste xeito, estase a incidir na eliminación de matogueira nas áreas destinadas a faixas e devasas mediante bulldozer, contribuíndo así mesmo a igualar o terreo minimizando as pendentes.
Todas estas obras enmárcanse no Plan de prevención de incendios forestais da Consellería do Medio Rural, que no ano 2021 contou cun orzamento de case 30 millóns de euros para actuar en máis de 58.000 hectáreas de territorio e nuns 5.000 quilómetros de pistas e vías de comunicación. O obxectivo final destas accións preventivas é evitar que o lume se produza, e en caso de producirse, limitar ao máximo a súa propagación e minimizar os danos causados.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural