A directora xeral de Patrimonio Natural e a delegada territorial de Ferrol mantiveron un encontro cos alcaldes dos concellos que se integran neste espazo natural

Xunta e concellos acordan colaborar na redacción do Plan reitor das Fragas do Eume que blindará novas oportunidades para o Parque Natural

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda contactará con todos os axentes implicados de Cabanas, A Capela, Monfero, Pontedeume e As Pontes para darlles a coñecer os obxectivos do PRUX

Martina Aneiros destaca que “as portas da Delegación Territorial da Xunta en Ferrol están abertas para atender todas as inquedanzas e sensibilidades”

Pontedeume (A Coruña), 2 de marzo de 2022

A Xunta e os concellos que forman parte das Fragas do Eume acordaron colaborar na redacción do Plan reitor de usos e xestión (PRUX), para blindar as novas e futuras oportunidades para este Parque Natural.

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, mantiveron esta mañá no centro de interpretación das Fragas do Eume, unha reunión cos alcaldes de Cabanas, A Capela, Monfero, Pontedeume e As Pontes, para informalos da planificación coa que traballa o Goberno galego para dotar a este parque dun PRUX propio.

Do Campo e todos os participantes incidiron na importancia de elaborar un Plan reitor que aposte por un parque activo e dinámico, que poña o foco na protección e conservación dun xeito positivo, e que aposte polo desenvolvemento de actividades e usos que poñan en valor os seus recursos, sen comprometer a súa protección.

O encontro —que ía ser individual con cada rexedor e que finalmente foi colectivo, a petición dos alcaldes— serviu para intercambiar as eivas e intereses prioritarios de cada concello e, deste xeito, artellar a ferramenta que guiará o desenvolvemento deste espazo natural único en Galicia.

A directora xeral adiantoulles que, como no caso dos PRUX dos restantes parques naturais, definiranse distintas zonificacións nas que se concretarán e determinarán os usos permitidos e posibles, como os agrodandeiros, forestais, turísticos, empresariais, etc.; polo que reiterou a necesidade de que todas as administracións se impliquen na redacción.

Nese sentido, Do Campo avanzou que a Xunta contactará cos colectivos, entidades e asociacións —medioambientais, culturais, turísticas, deportivas, etc.— dos cinco municipios para darlles a coñecer os obxectivos do PRUX. Por isto, reiteroulles aos rexedores —ao igual que na reunión de febreiro— a importancia de coñecer tamén da súa man a estes axentes, para integrar as súas sensibilidades ao futuro instrumento.

Pola súa banda, Aneiros indicoulles que a recente creación da Delegación Territorial da Xunta en Ferrol propiciará unha implicación directa dos concellos, en aras de recoller e dar resposta directa ás inquedanza por parte dos concellos e os seus veciños. “As portas da Delegación están abertas para atender todas as sensibilidades”, subliñou.

Encontros co tecido do parque

Belén do Campo insistiu en que este tipo de encontros son imprescindibles para coñecer de primeira man os intereses e preocupacións das persoas que viven e cohabitan con este territorio. Nese sentido, reiterou o seu compromiso en citar e atender tamén aos representantes dos propietarios dos terreos do parque, para trasladarlles o contido e obxectivos de futuro do plan.

Lembrou que tamén se manterán encontros técnicos cos departamentos sectoriais autonómicos para recompilar as súas achegas; pois o obxectivo é acadar un documento de gran consenso, pois —ao igual que nos restantes parques— terá unha vixencia de máis dunha década; polo que se necesita que de resposta ás necesidades actuais e futuras.

Por último, engadiu que, aínda que quedan meses de traballo, de reunións e intercambio, é importante avanzar en pasos seguros e de consenso, para facilitar que Fragas do Eume se sume este mesmo ano á listaxe de parques naturais con PRUX e que se converta nunha oportunidade para o conxunto da comarca.

Imaxes relacionadas