A Xunta destaca a coordinación dos servizos de emerxencias para reducir os riscos e os efectos das inundacións

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, lembrou no Parlamento galego que a Xunta actualizou en 2020 o Plan especial de Protección Civil ante o risco de inundación (Inungal)

O Goberno galego apoia aos concellos para que poidan elaborar e actualizar os seus plans de actuación municipal a través de manuais de resposta fronte a estas incidencias

Detallou que nos últimos 5 anos atendéronse máis de 7.000 situacións de emerxencia de risco de anegamentos

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2022

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, destacou hoxe no Parlamento de Galicia a coordinación dos servizos de emerxencias para diminuír os riscos e reducir as consecuencias negativas das inundacións, que a Xunta apoia a través do Plan especial de Protección Civil ante o risco de inundacións en Galicia (Inungal), actualizado en decembro de 2020.

Este plan conta cos estudos de riscos por inundacións costeiras, fluviais e pluviais, incluíndo tamén os elaborados polos organismos de cunca. Tamén establece en base ao nivel de risco cales son os concellos que deben ter un plan de actuación municipal fronte estas incidencias. Nesta liña, Santiago Villanueva lembrou o apoio da Xunta aos concellos para que podan elaborar ou actualizar os seus plans a través da entrega de manuais de resposta fronte inundacións, unha ferramenta que lles permite planificar as actuacións neste eido.

Tamén no marco dos protocolos cos concellos, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia mantén actualizados os procedementos de actuación ante alertas hidrolóxicas e meteorolóxicas. Do mesmo xeito, explicou o director xeral de Emerxencias e Interior, a Xunta mantén a mesma coordinación e planificación no que se refire aos protocolos de comunicación cos 4 organismos de bacía co obxectivo de garantir a eficacia dos seus plans de xestión.

Na súa intervención, detallou que nos últimos 5 anos o CIAE 112 Galicia atendeu máis de 7.000 incidencias relacionadas con situacións de emerxencia de risco de anegamento que atenderon os servizos de emerxencias dos concellos aos que a Xunta destinou un importante investimento para que conten cos medios necesarios para actuar nestes casos.

 

Así, o Goberno galego dotou tanto os servizos de Protección Civil como aos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) para actuar ante inundacións con máis de 200 vehículos todocamiño, 179 remolques de emerxencias con material de sinalización e bombas de achique ou 57 embarcacións.

O investimento da Administración autonómica para reforzar o equipamento dos servizos de emerxencia para as súas labores de prevención e nas súas intervencións fronte os distintos riscos ascende a case 20 millóns de euros.

Ademais, a Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) conta co Grupo de Intervención de Apoio Loxístico (GALI), que nos últimos anos interveu en 41 ocasións en apoio dos servizos dos concellos. Tamén a Xunta dotou a este grupo do material que precisan cando se require a súa axudas para desprazarse a zonas inundadas como unha bomba de achique, un furgón, un remolque, unha embarcación, un vehículo todocamiño e un semirremolque de achique dotado de 16 bombas.