Emigración e a Academia Galega do Audiovisual achegan aos galegos do exterior o ciclo de cine Mestre Mateo

Oito centros galegos de América, Europa e resto de España poderán visualizar dende marzo a decembro as catro filmes finalistas nas categorías, tanto de mellor longametraxe como de mellor documental, nos premios Mestre Mateo

Santiago de Compostela, 02 de febreiro de 2022

O secretario Xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, presentou, xunto ao director da AGADIC, Jacobo Sutil, e ao presidente da Academia Galega do Audiovisual, Álvaro Pérez Becerra, o programa do ciclo de cine Mestre Mateo que poderán desfrutar os galegos do exterior a través da colaboración con oito centros de América, Europa e resto de España.

Esta iniciativa xurde do acordo entre a Secretaría Xeral da Emigración e a Academia Galega do Audiovisual que permitirá achegar o cine feito en Galicia, e en concreto, os finalistas dos premios Mestre Mateo aos galegos do exterior a través destas entidades.
O secretario xeral da Emigración agradeceu o interese da Academia por “colaborar con nós para achegar o audiovisual que se realiza en Galicia ás nosas colectividades do exterior e tamén os veciños das localidades seleccionadas, que poden así gozar da cultura feita na nosa terra para os nosos galegos”, felicitando tamén a Academia polos seus 20 anos de existencia.

Antonio Rodríguez Miranda tamén destacou o esforzo dos centros galegos do exterior que colaborarán na posta en marcha desta iniciativa: o Instituto Argentino Gallego Santiago Apóstol, o Centro Gallego de Montevideo, a Hermandad Gallega de Venezuela, o Centro Galego de Londres, a Asociación Cutlural galega de BerlínSon, o Centro Gallego de Madrid, o Lar Gallego de Sevilla e o Centro Gallego de Tarragona.

Tal e como explicou o presidente da Academia Galega do Audiovisual, o programa concreto darase a coñecer cando se anuncien as finalistas da presente edición e as proxeccións empezarán despois da gala dos Mestre Mateo, que terá lugar o vindeiro 19 de marzo. Celebrarase de xeito simultáneo nas cidades seleccionadas, cunha periodicidade mensual, exceptuando os meses de xullo e agosto. Visualizaranse así, dende marzo a decembro, as catro filmes finalistas nas categorías, tanto de mellor longametraxe como de mellor documental, nos premios Mestre Mateo

Pola súa banda, o director da AGADIC destacou a importancia que iniciativas como esta teñen para a promoción e difusión da cultura e lingua galega entre a colectividade do exterior, e sobre todo “para dar a coñecer o que se está a facer no sector audiovisual en Galicia e o valor que este traballo está a aportar a nosa sociedade”.

Como parte integral do proxecto, a Academia Galega do Audiovisual proporcionará ferramentas específicas sobre produción e comunicación das proxeccións ás persoas encargadas da xestión desta iniciativa en cada centro galego do exterior e tamén se implicará a un grupo de persoas que se encargarán de coordinar a realización de cada proxección, e atender ás demandas das espectadoras e espectadores do ciclo.
 

Imaxes relacionadas