Fabiola García asegura que o Plan de investimentos para equipamentos sociais municipais suporá un impulso histórico para os concellos galegos

A Xunta destinará máis de 18,5 millóns de euros á construción, reforma ou ampliación dos centros de servizos sociais xestionados polos concellos

As Administracións locais interesadas recibirán unha achega de entre 400.000 euros e 1,2 millóns para crear novos centros, e de entre medio millón e 250.000 euros para reformalos ou amplialos

A selección priorizará os proxectos de municipios máis pequenos ou sen recursos semellantes, así como aqueles cunha maior viabilidade
 

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2022

A conselleira de Política Social, Fabiola García, asinou esta mañá un convenio co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, que servirá de marco para a execución do Plan de Investimentos para a construción, reforma ou ampliación de equipamentos sociais municipais. Este acordo permitirá, asegurou, a creación dunha rede extensa e de proximidade que situará a Galicia á cabeza da atención aos maiores.
A conselleira de Política Social sinalou que a través deste convenio, que se financiará con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, a Xunta pon a disposición de todos os concellos de Galicia un investimento de máis de 18,5 millóns de euros para fortalecer a súa rede de centros dedicados á atención ás persoas maiores. O acordo inclúe, así, tanto residencias como centros de día, vivendas comunitarias ou centros sociais de xestión municipal.

“Este Plan de investimentos suporá un impulso histórico para os concellos galegos, as institucións máis próximas aos cidadáns, que poderán demostrar a súa vocación de coidar aos seus veciños”, engadiu Fabiola García, que salientou a disposición do presidente da Fegamp para establecer unha “canle de comunicación moi frutífera cun obxectivo claro: mellorar os servizos sociais en todo o territorio galego”.

Os concellos máis pequenos, prioritarios

A selección, que se realizará entre a Xunta e a Fegamp, priorizará aqueles proxectos de concellos de menos de 20.000 habitantes, os que non teñan recursos semellantes aos que queren construír e aqueles cunha maior viabilidade técnica e económica. As Administración locais interesadas deberán presentar un anteproxecto co correspondente informe urbanístico e acreditar que dispoñen dos terreos nos que situarán o centro.

A achega determinarase en función do tipo de centro e de obra que se queira levar a cabo. Así, para construír unha residencia de maiores os concellos contarán cunha axuda de ata 1,2 millóns de euros, mentres para crear un centro de día ou vivenda comunitaria poderán recibir ata 600.000 euros e, no caso dos centros sociais, ata 400.000.
 

Imaxes relacionadas