A Policía Autonómica detén a tres persoas e desarticula una organización que proporcionaba certificados falsos de PCR e antíxenos

Os certificados contaban ademais co logo das clínicas e cun código QR, aparentando todos os requisitos legais para viaxar ao estranxeiro, pero realmente carecía de validez legal

Os delitos que se lle imputan son delito contra a saúde pública, organización criminal, falsidade documental, usurpación de funcións públicas, intrusismo, suplantación de identidade e estafa

O custo da proba oscilaba entre 30€, cando se trataba dun test de antíxenos, e 120€ se a proba efectuada era unha PCR

A Policía Autonómica documentou unhas 4.000 falsidades documentais nos expedientes incautados e teñen constancia que a trama expediu un maior número de certificados, pero parte desta documentación foi destruída e non se conservan copias dos arquivos en papel

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2022

Axentes da sección de Investigación da Xefatura da Policía Autonómica, desarticularon unha organización que proporcionaba aos pacientes certificados falsos de probas PCR e antíxenos. No marco da investigación denominada “Operación Xermánica”, detiveron a 3 persoas e está imputada unha cuarta persoas por delitos contra a saúde pública, organización criminal, falsidade documental, usurpación de funcións públicas, intrusismo, suplantación de identidade e estafa.

A investigación iniciouse en xaneiro, cando a Consellería de Sanidade solicitou a colaboración da Policía Autonómica, tras detectar que unha clínica do concello de Ames, presuntamente, manipulou o resultado dunha proba diagnóstica COVID. As pescudas levadas a cabo permitiron localizar un total de 3 sedes da citada organización, unha das cales xa non contaba con actividade no momento da investigación, mentres tanto, as outras dúas sedes continuaban coas tomas de mostras e coa emisión dos certificados falsos das probas COVID, unha clínica en O Milladoiro-Ames (A Coruña) e outra en Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).

Os certificados contaban ademais co logo das clínicas e cun código QR, aparentando todos os requisitos legais para viaxar ao estranxeiro, pero realmente sen validez legal. Ningunha das clínicas contaba cos requisitos sanitarios legais para o seu funcionamento como centro sanitario e unha parte dos traballadores carecía da titulación sanitaria necesaria. Tampouco cumprían cos requisitos ditados pola Lei de Protección de Datos.

As instalacións simulaban un verdadeiro Centro Sanitario, contaban con carteis informativos na fachada e nas proximidades, con publicidade no xornal, nas redes sociais e con páxina web propia. Realizaban a toma da mostra e emitían un certificado simulado co resultado da proba. Ademais facían firmar ao paciente un consentimento informado e un documento de Protección de datos. O custo da proba oscilaba entre 30€, cando se trataba dun test de antíxenos, e 120€ se a proba efectuada era unha PCR.


Tras identificar aos membros da rede criminal, levouse a cabo un operativo que permitiu a detención de todos eles. A operación Xermánica, que continua aberta, culminou coa detención do considerado líder da organización criminal, que operaba desde a súa sede en Milladoiro-Ames.

A Policía Autonómica conseguiu documentar aproximadamente unhas 4.000 falsidades documentais dentro dos expedientes incautados nos rexistros realizados. Os axentes actuantes teñen constancia que a trama expediu un maior número de certificados, pero parte desta documentación foi destruída e non se conservan copias dos arquivos en papel.

A actividade desta trama iniciouse cando debido ás restricións sanitarias da pandemia se comezou a esixir o certificado PCR ou de antíxenos para poder viaxar. Coa imaxe de solvencia que daba a Organización foron unha clínica de referencia en Santiago de Compostela para moitas empresas que recomendaban aos viaxeiros este centro sanitario (albergues, hoteis, estacións de viaxeiros, aeroporto, etc.)

A actividade de ambas clínicas foi clausurada pola Inspección de Servizos Sanitarios da Consellería de Sanidade.

Imaxes relacionadas