A Xunta adxudica por máis de 215.000 € a urbanización do parque público de Outeiro Cruz no concello da Arnoia

Os traballos, que financiará a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda nun 70% e o Concello no 30% restante, permitirán habilitar unha nova área de ocio e descanso para os veciños ao tempo que se facilita o acceso a unha zona moi transitada

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2022.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de adxudicar por un importe de 215.085,57 euros, IVE incluído, as obras de urbanización dun novo parque público no lugar de Outeiro Cruz, no concello ourensán da Arnoia.

A actuación, cun prazo de execución previsto de cinco meses, enmárcase no convenio de colaboración asinado o pasado mes de setembro entre a conselleira, Ángeles Vázquez, e o alcalde, Rodrigo Aparicio, no que ambas partes acordaron cofinanciar os traballos nun 70% e nun 30%, respectivamente.

O parque sobre o que se centrará a intervención ocupa unha parcela situada entre o adro da igrexa parroquial de San Salvador, o tanatorio, a estrada OU-402 e o centro de día. Trátase dunha zona moi visitada polo que, coa mellora prevista, se facilitará o acceso a estes servizos, ademais de proporcionar unha área de ocio e descanso a disposición da veciñanza.

Para logralo, o proxecto prevé a creación dun parque público con ramplas, novos pavimentos, axardinamento, mobiliario urbano e alumeado público, traballos para os que será necesario rozar, limpar e nivelar os terreos, ampliar a rampla que dá acceso ao centro de día e colocar pasamáns de aceiro inoxidable nas sendas peonís.

A actuación na Arnoia enmárcase nos obxectivos do chamado Plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta hai xa 12 anos co fin de axudar ás entidades locais a executar proxectos urbanísticos destinados á creación ou mellora de equipamentos municipais e á humanización e urbanización de espazos e infraestruturas de uso público. Ese esforzo traduciuse ata o de agora nun investimento de preto de 150 millóns de euros por parte do Goberno galego, grazas aos cales xa se cofinanciaron case 320 actuacións.

 

Imaxes relacionadas