O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou por videoconferencia na Comisión Sectorial para o Reto Demográfico

A Xunta insta ao Goberno central a dar a maior flexibilidade posible para executar os fondos para proxectos singulares no eido demográfico

Lembrou que cada comunidade autónoma ten unhas características demográficas diferentes polo que considera necesario dar resposta ás peculiaridades de cada territorio

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2021

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, instou ao Goberno central, durante a Comisión Sectorial para o Reto Demográfico, a outorgar neste 2022 a maior flexibilidade posible na execución de fondos destinados a proxectos singulares no eido demográfico, que se enmarcan no Fondo de Cohesión e Transformación Territorial.

Jacobo Rey lembrou durante a súa intervención que as características demográficas de cada comunidade autónoma son diferentes, polo que considera necesario dar resposta ás peculiaridades de cada territorio na execución destes fondos.

Nesta comisión sectorial tamén se abordou a situación do grupo de traballo que está a elaborar o indicador INSISTE, que permitirá analizar a situación demográfica dos distintos municipios en España.

Galicia está a participar neste grupo de traballo, onde remarca a necesidade de ter en conta cuestións como a dispersión xeográfica ou o envellecemento da poboación, aspectos fundamentais á hora de artellar estratexias e iniciativas que atendan á cuestión demográfica.