A Xunta pon de relevo o traballo do Centro de Investigación Forestal de Lourizán a prol da recuperación dos terreos afectados polo lume na clausura do proxecto europeo Epyris

Tras tres anos de traballos, esta semana celebrouse o evento final desta iniciativa, consistente nun encontro na sede do Goberno galego -ao que tamén se puido asistir de xeito telemático- e na posterior visita a unha área afectada polo lume en Lobios

Acudiron á cita representantes da Xunta, do Goberno central e dos executivos de Castela e León ou Canarias, así como de universidades e doutras entidades públicas estatais, de Valencia ou Castela-A Mancha, pero tamén de Portugal e Francia

O proxecto Epyris ofreceu unha estratexia de xestión conxunta para abordar eficazmente os riscos derivados dos incendios forestais en espazos naturais do sudoeste europeo, nun escenario de cambio tanto socioeconómico como climático

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2022

A Xunta vén de poñer de relevo o seu traballo a prol da recuperación dos terreos afectados por incendios na clausura do proxecto europeo Epyris, que se celebrou na nosa comunidade tras tres anos de traballos do Centro de Investigación Forestal de Lourizán xunto con diferentes institucións españolas, portuguesas e francesas. Así, o evento consistiu nun encontro na sede do Goberno galego -ao que tamén se puido asistir de xeito telemático- e na posterior visita a unha área do concello ourensán de Lobios na que se actuou tras o lume para mitigar a erosión do solo, dando mostras de que Galicia acumula a maior experiencia de Europa sobre a execución e efectividade deste tipo de tratamentos.

Á cita, distribuída en dúas xornadas, acudiron representantes da Xunta, do Goberno central e dos executivos de Castela e León ou Canarias, así como de universidades e doutras entidades públicas estatais, de Valencia ou Castela-A Mancha, pero tamén de Portugal e Francia. Todos fixeron balance dunha iniciativa que estivo centrada na planificación das accións para a restauración das áreas afectadas por incendios, durante a que se desenvolveron módulos para a avaliación da severidade do lume por medio de teledetección e avaliación in situ e para a aplicación de modelos de predición da erosión e técnicas de mitigación tendo en conta, ademais, a análise socioeconómica.

Así, o primeiro día tivo lugar unha reunión no edificio administrativo da Xunta, para expoñer e debater os resultados obtidos nesta estratexia de xestión conxunta para abordar eficazmente os riscos derivados dos incendios forestais en espazos naturais do sudoeste europeo. Na segunda xornada, os participantes desprazáronse a Lobios, á parroquia de Río Caldo, para comprobar como evolucionou unha área afectada polo lume en setembro de 2020 cuxa recuperación están monitorizando os técnicos do Centro de Investigación Forestal de Lourizán despois do tratamento de mulch que implementaron para reducir o risco de erosión.

Nesa liña, cabe lembrar que a Xunta ten recorrido en distintas zonas de Galicia ao mulching ou ao helimulching, en función de se os traballos se fan en áreas accesibles a pé ou en zonas de forte pendente, onde é preciso o helicóptero. Esta técnica permite crear unha cuberta protectora empregando materiais como a palla de cereais (de trigo, de cebada ou de centeo habitualmente) co obxecto de minimizar o risco de perdas de solo tras os incendios forestais.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural