A Xunta actualizará cada xornada e para cada zona climática a información sobre o índice de risco diario de incendios

As consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e do Medio Rural asinan un acordo de colaboración para actualizar o sistema de información e predición meteorolóxica previo ao eventual rexistro de lumes forestais

MeteoGalicia achegará datos sobre as precipitacións, temperaturas, nebulosidade, e a velocidade e dirección do vento local

Medio Rural tamén empregará este datos para a adopción de decisións relativas á extinción

Esta colaboración permitirá dispoñer de información cada 3 horas para un horizonte de 48 horas, o que permite unha maior exactitude na determinación das distintas variables climáticas e forestais

 

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2022.- A Xunta de Galicia actualizará cada xornada e para cada zona climática da Comunidade a información sobre o índice de risco diario de incendios (IRDI).

O IRDI é unha ferramenta fundamental para a planificación, recollida no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga). Este índice emprégase para concretar o risco de ocorrencia dun incendio forestal, determinar as zonas de perigo, así como para axudar a tomar decisións previo ao eventual rexistro de lumes forestais.

Tendo en conta a súa importancia, o Goberno galego considera necesario garantir “24x7” a dispoñibilidade desta información, que se incorporará a unha escala horaria: cada 3 horas e cun horizonte de 48 horas.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a Consellería do Medio Rural suman esforzos para mellorar e actualizar o actual sistema de información e predición meteorolóxica para a xestión dos incendios. O acordo asinado por ambos departamentos permitirá o desenvolvemento dun sistema que mellore o actual.

Así, a Consellería de Medio Ambiente, a través de MeteoGalicia, achegará datos sobre a previsión de precipitacións, temperatura —máxima e mínima—, humidade relativa —máxima e mínima—, nebulosidade, velocidade e dirección de vento local e de vento dominante, e probabilidade de tormenta.

Con estes datos, Medio Rural xerará diariamente, tal e como viña facendo, o índice de risco diario de incendios (IRDI) en base aos parámetros mencionados e outros relacionados coa estabilidade do incendio como o índice CAPE (conective available potencial energy), así como as predicións de lonxitude de chama, velocidade de propagación, intensidade lineal, calor e humidade do combustible morto.

Así mesmo, tamén se incorporarán á plataforma de xestión da información operativa relacionada cos incendios (XeoCode) os indicadores meteorolóxicos de predición (chuvia, temperatura, humidade, etc.) na escala diaria e para un horizonte temporal de nove xornadas; así como os de observación (raios, radar, datos de estacións, etc.).

Estes datos permitirán mellorar a xestión de incendios, medios e persoal en liña a nivel de distrito, provincial e central; ao tempo que se optimizan os recursos dispoñibles, pois ao coñecer o posicionamento en tempo real —por GPS—, faise unha xestión máis eficiente dos recursos máis próximos a un incendio.

Este acordo de colaboración tamén prevé o apoio de MeteoGalicia noutro tipo de accións como a elaboración e visualización dun simulador de incendios baseado no modelo Farsite, Behave, que permitirá calcular a evolución espacial e temporal dos incendios a partir de datos de vento, terreo, tipo de combustible e a súa humidade; o cálculo de datos históricos, que permitan establecer as anomalías o variacións relativas dos distintos índices; e a elaboración de boletíns diarios e semanais de previsión de lumes forestais.
 

Imaxes relacionadas