A Xunta mantén unnha nova xuntanza coa Fundación Galega Contra o Narcotráfico coa que colabora dende 2015 na xestión dos bens incautados

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo unha xuntanza co presidente da entidade, Manuel Antonio Couceiro, onde analizaron a colaboración para mellorar a xestión dos bens incautados en delitos de narcotráfico en Galicia

A Xunta achega cada ano 15.000 euros a este servizo que permite axilizar a actividade das unidades xudiciais encargadas destes asuntos, reducir os custos do depósito e xestión dos activos comisados

Tamén colabora con outros 17.000 euros no financiamento das actividades levadas a cabo pola organización na loita contra o tráfico de drogas en Galicia
 

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2022

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do director xeral de Xustiza, Juan José Martín, mantivo unha nova xuntanza co presidente da Fundación Galega contra o Narcotráfico, Manuel Antonio Couceiro, onde analizaron, entre outros asuntos, a colaboración que se mantén desde 2015 para mellorar a xestión dos bens incautados en delitos de narcotráfico en Galicia.
A Xunta achega anualmente 15.000 euros a este servizo que permite axilizar a actividade das unidades xudiciais encargadas destes asuntos, reducir os custos do depósito e xestión dos activos comisados e facilitar o labor das forzas de seguridade, onde destaca o retorno social que supón o patrimonio comisado a través de accións antidroga mediante a adxudicación ou cesión de bens non vendidos a entidades sociais.
O servizo de xestión de bens comisados é coordinado pola Fundación Galega contra o Narcotráfico en colaboración co Colexio de Procuradores da Coruña, en cuxas dependencias se depositan os bens mentres se realizan as xestións para a poxa autorizada pola autoridade xudicial. A colaboración da fundación coas autoridades xudiciais abarca desde a incautación ata a o remate do proceso de prestación do servizo.
Por outra parte, no marco da colaboración entre a Xunta e a fundación, o Goberno galego destina outros 17.000 euros para apoiar á entidade en distintas actividades e liñas de traballo para loitar contra o tráfico de drogas en Galicia, por exemplo, foros e xornadas de carácter técnico, campañas de información e sensibilización á sociedade, axuda e asesoramento a drogodependentes e ás súas familias, así como a colaboración coas forzas e corpos de seguridade e con profesionais do ámbito xudicial. A Xunta tamén colabora a través deste acordo na organización de torneos deportivos promovidos pola fundación como Panos Brancos contra a Droga ou a súa Gala e Premios Anuais.
O Goberno galego colabora desta forma na loita contra as drogodependencias, a través do desenvolvemento de actividades con institucións encamiñadas a potenciar a prevención deste problema que afecta á sociedade.

 

Imaxes relacionadas