A Xunta e o Concello da Veiga analizan novas liñas de actuación para facilitar a implantación de iniciativas empresariais na localidade

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta semana un encontro co rexedor do municipio ourensán, Juan Anta, no que tamén se abordaron proxectos relacionados coas renovables e a eficiencia enerxética

Dentro das iniciativas coordinadas co Concello, púxose en marcha do marketplace Sabores de Trevinca, que conta cunha axuda autonómica de máis de 40.000 euros e a través do cal se comercializan en liña produtos agroalimentarios locais

A Veiga é Concello Emprendedor, polo que colabora coa Administración autonómica no obxectivo de facilitar a captación de novos investimentos ao ofrecer máis axilidade na tramitación administrativa, acceso a solo industrial e maiores incentivos fiscais
 

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2022

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta semana un encontro co alcalde do municipio ourensán da Veiga, Juan Anta, no que analizaron novas liñas de actuación conxunta para facilitar a implantación de iniciativas empresariais na localidade.

Na xuntanza Conde informou ao rexedor das diferentes convocatorias de apoio que a Xunta ten abertas neste momento e das cales se poden beneficiar as entidades locais, en ámbitos como o aforro e a eficiencia enerxética e as enerxías renovables.

Dentro das iniciativas coordinadas co Concello da Veiga, vén de poñerse en marcha o novo marketplace Sabores de Trevinca, impulsado polo Concello da Veiga cunha axuda da Vicepresidencia económica de máis de 40.000 euros a través do programa de apoios para a creación e lanzamento de plataformas dixitais que favorezan ao sector agroalimentario no medio rural. A través desta páxina web poden adquirirse xa produtos locais como as fabas lobas, mel, avelás e castañas de Trevinca.

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación destacou que A Veiga conta co distintivo de Concello Emprendedor, sumándose así ao obxectivo da Xunta de poñer facilidades ao investimento empresarial para impulsar a reactivación económica e, polo tanto, ofrecer máis axilidade na tramitación administrativa, no acceso ao solo industrial e maiores incentivos fiscais.

O Goberno galego está a dar prioridade aos concellos adheridos a esta iniciativa impulsada en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) a través de diversas liñas de axudas destinadas a impulsar o emprendemento e a dinamización económica. Para iso, establece nestas axudas, que están a ser convocadas en réxime de concorrencia competitiva, un criterio específico.
 

Imaxes relacionadas