Fabiola García salienta a necesidade de coidar ao coidador a través do programa de respiro familiar, que financia a atención en residencias e no fogar

O Goberno galego inviste 600.000 euros para facilitar o descanso dos coidadores habituais de persoas dependentes ou con discapacidade
 

Será posible xustificar estancias temporais desde o 1 de decembro de 2021, ata o 30 de novembro deste ano

Para solicitar esta axuda, cuxo prazo abriu o pasado día 6 e permanecerá aberto ata o 30 de setembro, será necesario presentar a factura do servizo recibido
 

Pontevedra, 26 de febreiro de 2022

A conselleira de Política Social, Fabiola García, salientou a necesidade de atender aos coidadores que teñen ao seu cargo a persoas maiores dependentes ou con discapacidade. Durante unha visita á residencia pontevedresa Soremay, salientou a importancia de programas como Respiro Familiar, a través do cal a Xunta de Galicia financia todos os anos o 100% da estadía en calquera centro residencial da Comunidade sen límite de tempo e ata un máximo de 1500 euros; ou achegará un máximo de 1000 euros para aboar o custo dun coidador no fogar.

Fabiola García lembrou que o Goberno galego vén de abrir o prazo para solicitar unha axuda da orde de Respiro familiar, que se poderá solicitar ata o 30 de setembro e que permite que persoas dependentes ou con discapacidade realicen estancias temporais en residencias que facilitan o descanso dos seus coidadores habituais. E sinalou que o Goberno galego investirá 600.000 euros nesta nova convocatoria, na que se poderán xustificar estancias temporais desde o 1 de decembro de 2021 ata o 30 de novembro deste ano, sempre e cando se conte co correspondente informe do traballador social que acredite as circunstancias de cada caso.

Agradecemento aos traballadores

A conselleira de Política Social aproveitou a súa visita á residencia Soremay para agradecer aos traballadores de centros que acollen beneficiarios deste programa, como é o caso do pontevedrés, o seu esforzo profesional e a atención persoal que prestan aos maiores.

O principal obxectivo é facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral dos coidadores. Poderase acceder á axuda sempre que a persoa ou persoas que atende sexan residentes na Comunidade. Ademais, a persoa á que atende deberá ter recoñecido un grao II ou III de dependencia, ou ben ter acreditado mediante informe médico e social a necesidade axuda de terceiros para actividades da vida diaria.
 

Imaxes relacionadas