O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, reúnese coa ministra de Educación y FP, Pilar Alegría

Galicia acorda co Ministerio ampliar o marco lexislativo para mellorar a carreira docente

Ofrece como base ao Goberno central o traballo desenvolvido pola Xunta e as tres universidades galega para a identificación das competencias do profesorado

Avoga por unha ABAU con parámetros similares para todo o territorio español e favorecer a cultura do esforzo

Insta ao Ministerio a establecer un procedemento para que os alumnos que teñan cursado materias na Universidade poidan convalidar ditas competencias na FP

O conselleiro e a ministra asistirán tamén á entrega dos premios Mellor Docente de España, que na categoría universitaria recae no ourensán Alexandre Sotelino
 

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2022.- Galicia acorda co Ministerio de Educación ampliar o marco lexislativo para abrir un debate que permita identificar as necesidades dos docentes ao longo da súa carreira profesional. Así o consensuaron esta mañá o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e a ministra de Educación y FP, Pilar Alegría, nunha xuntanza de traballo en Santiago de Compostela.

O Goberno galego ofrece como base de traballo ao Goberno central o estudo para a mellora das competencias profesionais docentes que concluíu en 2018 coas achegas do grupo de traballo constituído para tal fin en 2017 entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, as facultades de Ciencias da Educación das tres universidades galegas e a rede de formación do profesorado.

O documento - que no seu día tamén se deu a coñecer á Conferencia de Decanos de Educación de España e recentemente foi compartido co resto das CCAA na Comisión General de Educación - establece un Marco de Competencias Profesionais Docentes en Galicia, no que se definen as competencias e habilidades básicas e necesarias que debe adquirir todo profesor tanto na súa formación inicial como ao longo da súa carreira.

Ambas as partes coincidiron na necesidade de converter a profesión docente nunha carreira atractiva para que os mellores candidatos desexen exercela, fortalecendo a imaxe social do profesorado e incentivando a vocación e o compromiso. Para iso, é preciso determinar a nivel estatal un perfil de competencias do profesorado sólido que facilite tanto os procesos de selección como os de formación. Este perfil debería ser o resultado do acordo dos expertos e cos distintos axentes da comunidade educativa, como o foi o estudo galego.

Este marco común deberá abranguer as tres efes: a formación inicial dos futuros profesionais desde as facultades, a formación para o acceso á docencia e a formación continua do profesorado, encamiñada á actualización e á adaptación dos coñecementos, actitudes e habilidades, aos cambios e avances da sociedade.

Así mesmo, a nova normativa deberá promover o desenvolvemento de contornos compartidos de reflexión e aprendizaxe, de modo que se estimule a posta en común de estratexias de aprendizaxe para mellorar a práctica docente e establecer un sistema de avaliación do desempeño que sirva para orientar a formación permanente do profesorado. Tamén establecer un Estatuto da función docente que dote ao profesorado dun marco no que se recollan os seus dereitos e deberes, se senten as bases estables para o exercicio da profesión docente e se estableza unha carreira profesional.

“O profesorado é o piar do ensino, do seu éxito e da súa calidade, polo que a formación dos docentes ten unha importancia capital para o sistema e para a sociedade en xeral”, destacou o conselleiro. “Canto máis motivados e implicados, canto mellor formados estean os docentes dun país, mellor preparados sairán das aulas os futuros cidadáns e mellor será a sociedade, sen ningunha dúbida”, afirmou.

Faise preciso, segundo a proposta de Galicia, adoptar unha visión continua da carreira do profesorado. Actuando, en primeiro lugar, na definición do acceso aos estudos, a fin de prestixiar a profesión docente. Así mesmo, cómpre mellorar as competencias da formación inicial, axustar o sistema de acceso á docencia e, por último, fixar un marco de formación continua adaptado ás necesidades do sistema.

Unha ABAU máis homoxénea

Por outra banda, ambas as administracións coincidiron na necesidade de reformas as probas de acceso á Universidade. Neste momento o Ministerio ten aberto un proceso para adaptar a ABAU á nova lei educativa, co obxectivo de establecer unha proba máis competencial, na liña do informe PISA.

A este respecto, Galicia avoga por unha ABAU con parámetros similares para todo o territorio español, de tal xeito que os resultados destas probas reflictan niveis similares aos demostrados polo alumnado galego precisamente en informes como o impulsado desde a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE).

Ata o momento cada CCAA fixa uns estándares de dificultade que permiten atenuar ou endurecer as probas segundo cada materia, “o que xera grandes desigualdades nos resultados e penaliza a aquelas comunidades que requiren máis esforzo do alumnado”, sinalou o conselleiro.

Ademais, tendo en conta que este ano se pode ir á ABAU cunha materia suspensa, o conselleiro pediu á ministra revisar esta política, a prol do estímulo da cultura do esforzo.

Facilitar o acceso á FP

Finalmente, o conselleiro solicitou á ministra a apertura de pontes entre a Universidade e a FP a través do establecemento dun procedemento para que se recoñeza como superados determinados módulos profesionais de ciclos de FP aos titulados das universidades galegas. Esta competencia recae ata o de agora no Ministerio de Educación e Formación Profesional e, de feito, faino ante solicitudes individuais de cidadáns.

Faise necesario establecer unha "ponte" regulada que posibilite que os graduados que accedan á Universidade poidan convalidar determinadas materias. Neste momento só existe o proceso inverso. De feito, a Xunta e as tres universidades veñen de renovar o convenio para que alumnado que teña superado ciclos de grao superior e decida continuar estudos universitarios nestas institucións poida solicitar que se lle recoñezan certos créditos de determinadas materias nun total de 188 graos e catro dobres graos.

Mellor profesor de España

A maiores desta reunión de traballo, o conselleiro e a ministra asistirán esta tarde á entrega do premio Educa Abanca Mellor Docente de España, que nesta edición recae na súa categoría universitaria no ourensán e profesor da Universidade de Santiago de Compostela, Alexandre Sotelino.

Alexandre Sotelino é membro do Grupo de Investigación Esculca e desenvolve a súa docencia no marco do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela. Recentemente ten conseguido tamén a insignia Suisia polo proxecto PEINAS quen leva coordinando 11 anos. Tamén resultaron finalistas deste certame outros catro docentes galegos, en concreto Carmen Quinteiro Moreno (CEIP A Xunqueira I, Pontevedra) e Jessica Rodríguez Piñeiro (CEIP Doutor Suárez Fornelos de Montes), ambas na categoría de Primaria; Carlos Encisa de Sá (IES Antonio Fraguas, Santiago de Compostela), na de Secundaria e Bacharelato, e Patricia García Figueroa (Centro de estudos Trazos, Redondela), na de educación non formal.
 

Imaxes relacionadas