Fernández-Tapias destaca a colaboración entre a Xunta e as ONGs viguesas con apoios que suman máis de 3 millóns de euros

A delegada territorial da Xunta acompañou hoxe aos representantes destas entidades nun acto organizado por Vida Digna con motivo do Día Mundial das ONGs que se celebra este domingo

O encontro serviu de homenaxe a Ángel Lozano, quen fora secretario da organización e que faleceu o pasado ano, co descubrimento dunha placa no seu recordo
 

Vigo, 25 de febreiro de 2022

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, acompañou hoxe ás entidades sen ánimo de lucro na cidade nun acto organizado por Vida Digna con motivo do Día Mundial das ONGs que se celebra este domingo.

Na súa intervención, a representante autonómica destacou a colaboración entre a Xunta e as ONGs viguesas na atención aos colectivos máis vulnerables co obxectivo de acompañalos, apoialos e axudalos. Unha cooperación que considerou esencial, con apoios autonómicos que suman máis de 3 millóns de euros no período 2020-2022.

Fernández-Tapias puxo en valor o importante labor desenvolvido por estas organizacións e a súa contribución á loita contra a pobreza e calquera forma de discriminación.

O acto finalizou cunha homenaxe moi emotiva a quen fora secretario de Vida Digna ata o seu falecemento o pasado ano, e que contou coa presenza de varios dos seus fillos. No seu nome descubriuse unha placa nas instalacións da organización na rúa Brasil.

Imaxes relacionadas