A Xunta apoia a 9 empresas da área de Santiago a través do programa Galicia emprende con máis de 2,5 millóns de euros para crear ou manter 61 empregos

O delegado da Xunta informou que a Xunta ten aberto o prazo, ata o 8 de marzo, do programa Galicia Emprende Rural, que achegará axudas por valor de 2 millóns de euros ao redor de 70 de autónomos e emprendedores, posibilitando a creación de preto de 200 empregos no medio rural.

Trenor destacou que “o emprendemento configúrase como un dos piares básicos de actuación da Xunta de Galicia. Un camiño que precisa da implicación e a colaboración das administracións e dos axentes económicos e sociais na procura de seguir estimulando o crecemento económico”
 

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2022

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá o local La Curiosa, pertencente á empresa Fish Factory, unha das beneficiarias, no ano 2019, pola orde de axudas Galicia Emprende que promove apoios de para a posta en marcha ou a consolidación temperá de empresas impulsadas por persoas autónomas e emprendedoras, facilitando así a xeración de emprego. Con esta axuda púxose en marcha este novo establecemento de conservas gourmet complementado cun servizo de catas dos produtos.

Na visita o representante do Goberno galego informou que, na convocatoria do Galicia Emprende do 2021, se están apoiando con 2,5 millóns de euros, outras 9 novas iniciativas empresariais na comarca de Santiago nos concellos de Santiago, O Pino, Teo e Touro coas que se prevé mobilizar 3,2M€ e crear ou manter máis de 60 empregos.

Trenor destacou que “o emprendemento configúrase como un dos piares básicos de actuación da Xunta de Galicia. Un camiño que precisa da implicación e a colaboración das administracións e dos axentes económicos e sociais na procura de seguir estimulando o crecemento económico”.

Por este motivo, a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través do Igape, impulsa cada ano distintos programas e liñas de actuación neste ámbito entre os que destaca o Galicia Emprende ou o Galicia Emprende Rural.

Cómpre destacar que a través da resolución do ano pasado estanse a impulsar iniciativas empresarias en industrias moi diversas da economía galega. Entre elas pódese destacar o sector servizos, as políticas sociais, a hostalería, o comercio ou mesmo a investigación.

Deste xeito, o Goberno galego, a través do Igape, segue a promover as iniciativas emprendedoras no tecido empresarial da Comunidade. Neste marco, destacan tamén os novos espazos coworkings en Santiago de Compostela e nas comarcas de Ferrolterra (con sede en Ferrol) e da Costa da Morte (con sede en Cabana de Bergantiños) na provincia da Coruña.

Galicia Emprende Rural

A Xunta tamén ten aberto o prazo, ata o 8 de marzo, do programa Galicia Emprende Rural que achegará axudas por valor de 2 millóns de euros ao redor de 70 de autónomos e emprendedores, posibilitando a creación de preto de 200 empregos no medio rural.

Con esta nova edición, a Administración galega reforza a súa aposta polo emprendemento, fomentando a xeración de emprego mediante o apoio á creación de proxectos vinculados a actividades non agrícolas en zonas rurais.

Entre as actuacións industriais prioritarias que o Galicia Emprende Rural pretende impulsar figuran as de sectores como automoción, téxtil, aeronáutico, químico, medioambiental, TIC, audiovisual, pedra natural e industrias creativas, entre outras.

Nas súas tres edicións (2017, 2018 e 2019) o Galicia Emprende Rural apoiou un total de 180 proxectos, mobilizando máis de 18 M€ e axudas por importe de 10,9M€ permitindo a creación ou mantemento de 453 empregos.

O programa vén completar e mellorar o Programa Galicia Emprende, que no período 2017 - 2021 facilitou a aprobación de 365 proxectos emprendedores, con máis de 25 M€ en axudas e un mobilizado de máis de 54M€

En total coa suma destes dous programas a Xunta apoiou máis de 550 proxectos con axudas que ascenden a máis de 35 millóns de euros que movilizaron máis de 70 millóns de euros.
 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural