A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o director do IET interviron hoxe no acto ‘#Fermosismo: a importancia da corrección dos impactos paisaxísticos’

A Xunta amplía ata os 2,4 M€ as axudas para mellorar a imaxe exterior de edificios e equipamentos en resposta á boa acollida da convocatoria deste ano

A liña de subvencións para corrixir impactos paisaxísticos en edificios e vivendas particulares, cuxo orzamento pasa de 1,2 M€ a 1,6 M€, recibiu case 2.000 solicitudes

Ángeles Vázquez salienta a importancia deste tipo de actuacións para garantir unha integración harmónica entre as construcións urbanas e a contorna paisaxística

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2022

A Xunta de Galicia ampliará en 400.000 euros, ata chegar a un total de 2,4 millóns de euros, o orzamento reservado este ano ás dúas ordes de axudas para actuacións que permitan corrixir e mellorar o aspecto exterior de vivendas, edificios e equipamentos públicos municipais deteriorados polo paso do tempo e por unha insuficiente conservación.

Así o anunciou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen participou, xunto ao director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador, no acto #Fermosismo: a importancia da corrección dos impactos paisaxísticos, celebrado na Cidade da Cultura.

Tras salientar a boa acollida que están a ter entre os seus potenciais beneficiarios estas axudas —convocadas en xaneiro por segundo ano consecutivo—, a conselleira indicou que os 400.000 euros da ampliación destinaranse á liña dirixida a propietarios particulares, que pasa así dos 1,2 millóns de euros previstos inicialmente a 1,6 millóns. O prazo para acollerse a esta orde rematou o 21 de febreiro e no marco da mesma recibíronse preto de 2.000 solicitudes.

A outra orde de subvencións, dirixida neste caso a concellos de menos de 20.000 habitantes para intervir sobre edificios, dependencias municipais e elementos etnográficos —fontes, hórreos, palcos de música e lavadoiros—, mantén o orzamento inicialmente previsto para este ano: 800.000 euros.

Máis de medio milleiro de beneficiarios

Cómpre lembrar que o ano pasado a primeira convocatoria das ordes de axudas para a corrección de impactos paisaxísticos saldouse con máis de medio milleiro beneficiarios —445 familias e 66 concellos— que recibiron subvencións por un importe total de 2 millóns de euros e permitiron intervir en 222 municipios galegos.

En vista do éxito da primeira convocatoria, a conselleira explicou que a Xunta decidiu convocar de novo este ano ambas liñas de subvención no marco da súa aposta polo fermosismo e para garantir unha integración harmónica entre as construcións urbanas, tanto públicas como privadas, e a contorna paisaxística “Practicar o fermosismo daranos unha Galicia que respecta o seu valor natural, unha Galicia que constrúe con xeito e enxalza o seu atractivo”, asegurou.

Durante o acto tamén se expuxeron casos concretos para exemplificar como as actuacións realizadas en 2021 se traduciron nunha mellora paisaxística para a contorna. A tal fin e tras unha intervención de benvida por parte do director do IET, os alcaldes de Curtis, Javier Caínzos; de Tordoia, Antonio Piñeiro; de Moraña, José Cela; e a alcaldesa de Guntín, María José Gómez, tiveron ocasión de explicar os proxectos levados a cabo nos seus concellos para recuperar un lavadoiro, unha antiga escola, unha fonte e un almacén municipal, respectivamente.

Así mesmo, o presidente da Asociación de veciños de Puxedo, Pablo Rodríguez, participou no acto para dar conta das 15 actuacións executadas por particulares nesta aldea de Lobios, que cun total de 22 actuacións subvencionadas en 2021 foi o concello galego máis beneficiado pola orde de axudas para corrección de impactos paisaxísticos dirixida a particulares.

Imaxes relacionadas