O centro vigués do grupo Stellantis alcanza as 70.000 doazóns de sangue dende o ano 1995

A factoría radicada en Vigo acolleu durante os días 8, 9 e 10 de febreiro a primeira das catro visitas anuais que a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue ten programadas para este ano

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2022

A primeira campaña de doazón de sangue do ano 2022 que a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), levou a cabo nas instalacións que o grupo de automoción Stellantis ten na cidade de Vigo, rematou cun excelente resultado de 656 traballadores e traballadoras que doaron sangue, e que supón ter acadado 70.128 doazóns acumuladas dende o ano 1995, data na que comezaron as colectas de sangue nesta factoría.

Agasallo de agradecemento

Para celebrar que se teña superado este número tan significativo de 70.000 doazóns ao longo destes 27 anos, ADOS entregou un agasallo conmemorativo a cada profesional que doou sangue durante as tres xornadas nas que se realizou a colecta, para agradecer a súa colaboración altruísta e xenerosa.

Traxectoria solidaria

Dende o ano 1995, o Centro de Vigo do Grupo Stellantis comezou a acoller campañas de doazón de sangue promovidas desde a Consellería de Sanidade e, na actualidade, consolidan a esta empresa como un referente no ámbito estatal, sendo a compañía española con maior número de doazóns. Subliñar que grazas a colaboración dos 656 profesionais da empresas viguesa que doaron sangue nesta primeira campaña anual promovida por ADOS, poderán realizarse, por exemplo, máis de 364 intervencións cirúrxicas ou transfundir plaquetas a preto de 125 enfermos oncolóxicos.

Sensibilización e colaboración

ADOS quere poñen en valor a implicación e firme compromiso do Centro de Vigo do Grupo Stellantis co desenvolvemento das campañas de doazón de sangue, especialmente ao longo dos últimos meses coincidindo coa pandemia derivada da covid, circunstancia que pon de manifesto, unha vez máis, a xenerosa colaboración brindada por esta empresa a prol do solidario xesto da doazón de sangue. Esta dilatada traxectoria de colaboración ten permitido que, ao longo dos últimos 27 anos, a factoría viguesa acumule unha cifra que rebasa ás 70.000 doazóns, o que a sitúan como referente social de primeira liña no ámbito do altruísmo.

Ao mesmo tempo, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue quere agradecer o seu compromiso e colaboración á dirección do Grupo Stellantis de Vigo e de todos os departamentos que integran a empresa, facendo, como non podía ser doutro xeito, extensivo este agradecemento a todos os traballadores e traballadoras que doan sangue.

Imaxes relacionadas