A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o alcalde mantiveron unha reunión na que abordaron o estado de tramitación dos proxectos empresariais

A Xunta avanza na modificación do proxecto sectorial da Cidade do Transporte, en San Cibrao das Viñas, co inicio da exposición pública

Ángeles Vázquez adianta que a previsión é licitar no primeiro semestre deste ano as obras para a construción dun tanque de tormentas que dará servizo a este ámbito empresarial

O director do Instituto Galego da Vivenda e Solo tamén mantivo unha reunión con representantes da Asociación de Empresarios de San Cibrao, aos que tamén lles informou da planificación relativa a estes proxectos
 

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2022

A Xunta de Galicia avanza na modificación do proxecto sectorial da Cidade do Transporte, en San Cibrao das Viñas, co inicio da exposición pública na vindeira semana.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, trasladou este avance ao alcalde, Manuel Pedro Fernández, co que mantivo esta semana unha reunión na que abordaron a situación actual desta e outras iniciativas empresariais que beneficiarán ao municipio.

Adiantou que o Instituto Galego da Vivenda e Solo está a ultimar a documentación necesaria para solicitar, na vindeira semana, os informes sectoriais e remitir para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia o anuncio polo que se inicia a exposición pública deste proxecto, que habilitará 98.057 m2 de solo, tras superar a tramitación ambiental.

Tamén lle indicou que —de xeito paralelo—, o IGVS está a ultimar os trámites para a licitación do tanque de tormentas. A previsión é licitar as obras desta actuación de infraestrutura hidráulica no primeiro semestre do ano, por un importe estimados de 835.000 euros.

Asemade, outro dos puntos abordados na reunión foi a ampliación do parque empresarial de San Cibrao das Viñas, en terreos do Parque Tecnolóxico. Ángeles Vázquez indicoulle ao alcalde que Xestur está a traballar no plan parcial, estudando as posibles alternativas de ordenación, para revisar e adaptar os documentos urbanísticos e técnicos que habiliten o axeitado desenvolvemento do ámbito. A Xunta reservou en 2022 unha partida de 1,7 millóns de euros para esta actuación.

Cómpre destacar que o director do IGVS, Heriberto García Porto, mantivo a semana pasada unha reunión con representantes da Asociación de Empresarios de San Cibrao das Viñas, aos que tamén informou do estado actual, e dos pasos a dar, sobre estes proxectos que dinamizarán a actividade empresarial e económica da zona.


 

Imaxes relacionadas