A Xunta pon á disposición do tecido produtivo 1,36 millóns de metros cadrados de solo urbanizado en 37 parques empresariais de Galicia

Rueda avanza que este venres Xestur convocará un concurso para a adxudicación de solo empresarial da súa propiedade: 683.000 m2, en 255 parcelas de 17 parques

Lembra que desde 2015 a Xunta adxudicou 2,5 millóns de metros cadrados: a maioría, o 93%, en compravenda, e o 7% restante en dereito de superficie sen punto

Santiago de Compostela, 24 febreiro de 2022

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, destacou hoxe que o tecido produtivo contará con 1,36 millóns de metros cadrados de solo urbanizado en 37 parques empresariais de Galicia.

Nesta liña, o vicepresidente primeiro avanzou que este venres Xestur convocará un concurso para a adxudicación de solo empresarial da súa propiedade: 683.000 metros cadrados, en 255 parcelas de 17 parques. “E, como novidade este ano, ás tres modalidades existentes -adxudicación con prezo bonificado, en dereito de superficie e en alugueiro-, súmase agora a adxudicación en compravenda con pago aprazado”, dixo, precisando que o comprador pagará un 20% (máis o IVE total) no momento de escriturar, e o 80% restante en 8 anos -sen xuros nos primeiros 4 e coa opción dun ano de carencia-.

Segundo explicou Rueda, a sociedade de xestión do solo Xestur sacará máis terreo a concurso ao longo deste ano: outros 120.000 m², en 41 parcelas e de tres ámbitos actualmente en fase de desenvolvemento. Unha oferta, precisou, que se completa coa superficie que é propiedade do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS): case 559.000 m², en 188 parcelas, de 19 polígonos.

“Neste caso a adxudicación pode facerse xa de xeito directo, con bonificacións sobre o prezo do 50% -agás en dous casos no que é do 30%-“, afirmou, ao tempo que subliñou que, no caso da Plisan, o prezo está axustado ao máximo para favorecer a chegada de empresas.

Alfonso Rueda concluíu recordando que desde 2015 a Xunta adxudicou 2,5 millóns de metros cadrados: a maioría, o 93%, en compravenda, e o 7% restante en dereito de superficie.

En total foron máis de medio milleiro as empresas adxudicatarias de solo, que representan un investimento directo de máis de 650 millóns de euros, coa creación duns 6.000 empregos.

Cómpre salientar que a Xunta continuará en 2022 coa política de incentivos á adquisición de solo empresarial, para o que dispón de 7,5 millóns de euros, e tamén con actuacións de mellora nos parques, grazas a un investimento de 26,6 millóns de euros.

Imaxes relacionadas