A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural mantivo unha xuntanza co alcalde deste municipio ourensá

A Xunta e o Concello de Verea colaborarán na posta en valor de terras neste municipio a través das ferramentas da Lei de recuperación

Na reunión, Inés Santé animou ao rexedor a localizar zonas para desenvolver posibles polígonos agroforestais e avaliouse a posibilidade de levar a cabo melloras nas infraestruturas rurais

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2022

A Consellería do Medio Rural e o Concello de Verea colaborarán na posta en valor de terras neste municipio ourensán, impulsando as ferramentas que contempla a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia para esta finalidade. Así o acordoaron esta mañá a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e o alcalde de Verea, José Antonio Pérez, nun encontro de traballo mantido en Santiago.

Nesta liña, a directora xeral animou ao rexedor a localizar no seu territorio municipal zonas para desenvolver posibles polígonos agroforestais. O alcalde amosou a súa vontade de colaborar nesta materia e interesouse polas posibilidades que ofrece este tipo de ferramentas. Neste senso, Inés Santé trasladoulle que o obxectivo prioritario é poñer en produción áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva que acadaron co paso do tempo estados de abandono ou infrautilización, recuperando deste xeito unha actividade agrícola ou forestal.

Outros asuntos tratados nesta xuntanza tiveron que ver coa mellora das infraestruturas rurais. Así, a directora xeral sinalou que se van estudar posibles actuacións de acondicionamento de viarios, co fin de mellorar a calidade de vida dos habitantes en xeral e dos agricultores e gandeiros que empregan habitualmente eses camiños.

Imaxes relacionadas