O conselleiro do Medio Rural respondeu no pleno do Parlamento unha interpelación sobre esta materia

A Xunta aposta pola xestión sustentable da actividade agrogandeira en toda Galicia e na Limia en particular

José González explicou que se Galicia non ten declaradas zonas vulnerables por contaminación por nitratos é debido a que previamente é necesaria a declaración de masas de auga afectadas, que no caso da Limia é competencia estatal

Salientou que a Xunta está preparada para cumprir calquera obriga e requisito de sustentabilidade en canto á xestión das dexeccións gandeiras e lembrou as diferentes actuacións impulsadas polo Goberno galego neste sentido

Puxo en valor os 36 millóns de euros de investimento conxunto Xunta-Estado -a maior parte conseguido grazas ás xestións do Goberno galego- para potenciar de forma sustentable o sector agrario da comarca

Agradeceu a vontade de todos os axentes da bisbarra, así como dos agricultores e gandeiros, para avanzar na sustentabilidade das súas explotacións e amosou o seu orgullo pola importante produción agraria da Limia

 

Santiago de compostela, 23 de febreiro de 2022

A Xunta aposta pola xestión sustentable da actividade agrogandeira en toda Galicia e en particular na comarca ourensá da Limia. Así o defendeu hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, en resposta a unha interpelación no pleno do Parlamento sobre esta materia. O titular de Medio Rural explicou que se Galicia non ten declaradas zonas vulnerables por contaminación por nitratos é debido a que previamente é necesaria a declaración de masas de auga afectadas, que no caso da Limia corresponde ao organismo de conca adscrito ao Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico. É dicir, a competencia é estatal, remarcou.

En todo caso, engadiu o conselleiro, a Xunta está preparada para cumprir calquera obriga e requisito de sustentabilidade en canto á xestión das dexeccións gandeiras. E lembrou as diferentes actuacións impulsadas polo Goberno galego neste sentido. Así, trasladou a posta en marcha da Mesa da Limia e do Plan Estratéxico para esta bisbarra no que, salientou, “levamos traballando arreo para poñer en valor a produción agropecuaria baixo un enfoque verdadeiramente sustentable”.

Minimizar o impacto ambiental

Neste sentido, José González lembrou tamén a constitución da comisión interdepartamental conformada no pasado mes de xuño por representantes das administracións central e autonómica, co fin de buscar solucións que minimicen o impacto ambiental da actividade agrogandeira na comarca. Nesta liña, o conselleiro sinalou que se acadou un consenso sobre os cambios lexislativos necesarios e establecéronse medidas concretas, dentro do devandito Plan estratéxico.

Entre estas iniciativas, o conselleiro mencionou a potenciación da gandaría en extensivo a través do incremento da base territorial das explotacións por medio da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Tamén, os avances no Plan de pastos, que tamén incide nese aumento da base territorial e, polo tanto, nunha optimización da xestión das granxas. Outra actuación, no eido normativo, céntrase no proxecto de lei do sistema integrado para a xestión de dexeccións gandeiras que, advertiu González, “estaría resolto de ter adiantado o goberno central o seu Real Decreto polo que se establecen normas para a nutrición sostible nos solos agrarios, polo que seguimos agardando”, remarcou.

Mentres tanto, indicou González, a Xunta deseñou un proxecto “moi serio” para a xestión conxunta dos xurros desta comarca e de Galicia en xeral. Un proxecto presentado aos fondos Next Generation e respecto do que -lamentou- “aínda non temos ningunha resposta por parte do goberno central”. Neste sentido, o conselleiro advertiu que o pasado luns, no Consello consultivo, lle trasladou ao ministro que a principal necesidade dos gandeiros galegos, ademais de facer fronte á prohibición da venda a perdas, é resolver a problemática da xestión dos xurros. Pero afeou ao goberno central que nin as súas convocatorias de axudas nin o Perte agroalimentario “afronten solucións para esta cuestión, que era un dos asuntos esenciais que deberían resolver os fondos Next Generation”.

Ademais, José González defendeu a necesidade de afrontar, no ámbito concreto da Limia, “importantes investimentos” que favorezan a importantísima actividade agrogandeira nesta bisbarra e que se poidan desenvolver coa menor afectación ambiental. Uns investimentos que -destacou- se teñen demandado por parte da Consellería do Medio Rural ao Goberno central e que “esperamos que sexan respectados e que o Ministerio de Agricultura cumpra cos seus compromisos”.

Modernización do regadío, canles e camiños

Nesta liña, o conselleiro referiuse en primeiro lugar á modernización do regadío da Limia, que suporá un investimento de 15,9 millóns de euros por parte do Estado. Un investimento que, segundo advertiu o conselleiro, Galicia tivo que demandar logo dun primeiro reparto de fondos que “non deixaba nin un euro en Galicia nin no resto da Cornixa cantábrica”.

A maiores, González salientou que a Xunta ten orzamentados catro millóns de euros neste 2022 para os pozos dese regadío. Lamentou que a Consellería teña todos os permisos para iniciar estas obras, pero que faltan as correspondentes concesións por parte da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

Neste mesmo sentido, o conselleiro salientou que foi quen de convencer ao Goberno central da necesidade dun investimento adicional no que se refire á limpeza das canles e dos camiños paralelos, cun investimento que suporá outros 16 millóns de euros e amosou a súa disposición a “estar vixilantes” para garantir o cumprimento por parte do Ministerio do compromiso asumido neste ámbito. En resumo, José González, valorou os 36 millóns de euros de investimento para potenciar de forma sustentable o sector agrario da comarca.

Ademais, na súa intervención diante do pleno da Cámara o conselleiro agradeceu a vontade de todos os axentes da bisbarra, así como dos agricultores e gandeiros, para avanzar na sustentabilidade das súas explotacións e amosou o seu orgullo pola importante produción agraria da Limia.

A maiores, José González destacou que o bipartito autorizou máis explotacións na Limia, nun menor período de tempo e cunha maior carga gandeira. De feito, sinalou, o devandito goberno de coalición deu luz verde a 107 granxas na Limia en tan só catro anos, fronte ás 182 explotacións autorizadas pola actual Xunta nun período de 12 anos. Isto supón, remarcou, que o bipartito aprobou de media 27 explotacións anuais na bisbarra, fronte ás 15 aprobadas polo actual Goberno galego.
 

Imaxes relacionadas