A Xunta convoca preto de 1 M€ de fondos Next Generation para protexer os viveiros de pragas e para mellorar os centros de desinfección de vehículos de transporte de gando

O DOG publica hoxe as que son as primeiras axudas convocadas pola Consellería do Medio Rural ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, que permitirán consolidarnos como referentes en sanidade animal e vexetal

Os interesados teñen de prazo un mes, contado a partir de mañá, para presentar as solicitudes
 

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2022

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan as axudas destinadas a investimentos en materia de bioseguridade para a mellora ou construción de centros de limpeza e desinfección de vehículos de transporte por estrada de gando, así como para investimentos en bioseguridade en viveiros, acometidos por determinados produtores de materiais vexetais de reprodución. Están dotadas cun orzamento de preto de 1 millón de euros (490.324 euros para viveiros e 410.578 euros para centros de limpeza e desinfección).

Trátase da primeira liña de achegas procedentes de fondos Next Generation -no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia promovido polo Goberno central- que convoca a Consellería do Medio Rural. Convócanse en réxime de concorrencia competitiva e os investimentos que poden recibir subvención abranguerán fundamentalmente a obra civil, as instalacións e equipamentos fixos, a maquinaria e a dixitalización. Mentres, as porcentaxes subvencionables variarán entre o 40% e o 70% do proxecto.

No caso das axudas aos viveiros, búscase financiar as instalacións de protección fronte a insectos vectores para produtores de materiais vexetais de reprodución. O obxectivo é manter ese material libre de determinados organismos nocivos, considerados de corentena consonte a normativa comunitaria de sanidade vexetal. O control deste material de reprodución é esencial na difusión destes organismos, pois está formado por sementes, plántulas, froiteiras ou outros materiais que posteriormente comercializan os viveiros. A axuda céntrase no control dos insectos que actúan como transmisores destes organismos nocivos instalando, por exemplo, estruturas de mallas ou dobre porta nos viveiros.

Canto aos centros de desinfección, perséguese financiar investimentos de bioseguridade para mellorar os centros de limpeza de vehículos de transporte de gando por estrada, ou para a construción de novos centros con esa finalidade. O seu obxectivo é modernizar estes centros e que haxa o número suficiente para evitar a transmisión de enfermidades polo uso de vehículos sen limpeza axeitada. Nesa liña, cabe apuntar que moitos destes vehículos son empregados para o transporte de diversos tipos de gandarías, pertencentes a múltiples explotacións. Coas novas achegas, poderíanse financiar solados, peches ou lectores de matrículas, entre outras actuacións.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir de mañá, día seguinte ao da publicación no DOG. Mentres, o prazo de xustificación destas axudas será dun ano desde a concesión da subvención.

Reforzo á sanidade animal e vexetal

A nova liña de achegas pretende consolidarnos como a comunidade coa mellor situación sanitaria gandeira en relación ás enfermidades dentro dos programas oficiais de erradicación, incidindo -neste caso- na mellora dos centros de limpeza e desinfección dos vehículos de transporte de gando. Nese senso, cómpre destacar que Galicia vén de ser declarada a finais de 2021 rexión libre de tuberculose bovina. Tamén somos rexión libre de brucelose bovina, ovina e cabrúa.

En canto á sanidade vexetal, a Consellería do Medio Rural está loitando contra diversos organismos nocivos de corentena, algúns dos cales contan con insectos transmisores. É o caso do psílido africano dos cítricos, praga na que a Xunta está a ter importantes éxitos a través da loita biolóxica, pero que tamén precisa de medidas de control nos centros produtores de material vexetal.
 

Imaxes relacionadas