O presidente da Xunta participou este mediodía na gala do 5º aniversario do Foro Empresa Pontevedra, onde reiterou o compromiso cunha comarca con máis e mellores servizos

Feijóo pedirá na conferencia de presidentes a descentralización dunha parte dos fondos Next Generation para que o Goberno comparta coas autonomías a responsabilidade da recuperación

Lamenta a falta de axilidade no reparto, que fai que máis da metade dos fondos non se traduciran aínda en convocatorias

Asevera que a pandemia e a recuperación aloxan retos e grandes oportunidades e pon en valor o traballo do tecido produtivo galego que fixo posible que, durante a covid, a economía galega resistise mellor

Incide en que hai unha solución para a continuidade de Ence, como reflicte a proposta para adscribir os terreos da pasteira á Autoridade Portuaria de Marín
 

Pontevedra, 22 febreiro de 2022

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pedirá na Conferencia de Presidentes a descentralización dunha parte dos fondos Next Generation para que o Goberno central comparta coas autonomías a responsabilidade da recuperación. Así o puxo de manifesto hoxe, durante a celebración da gala do 5º aniversario do Foro Empresa Pontevedra.

Ao longo da súa intervención, Feijóo expuxo novamente a falta de axilidade no reparto, que fai que máis da metade dos fondos non se traduciran aínda en convocatorias; ademais de lamentar que do total dos fondos que Europa destina a España, o Goberno resérvase 7 de cada 10 euros, “e a totalidade dos relativos á industria”.

Nesta liña, remarcou que, pola súa banda, Galicia fixo os deberes e cumpriu en todo momento, cunha candidatura sólida, construída cos sectores estratéxicos da Comunidade: automoción -co proxecto AutoÁncora-; biotecnoloxía e saúde personalizada -crear unha nova fábrica de vacinas ou a consolidación da incubadora de novos fármacos-; agroalimentario -con proxectos como o de Anfaco-Cecopesca-; economía circular -cun centro de transformación de xurros en fertilizantes e biogás-; e forestal -cunha fábrica de fibras téxtiles-.

Aposta por unha comarca de Pontevedra con máis e mellores servizos
O titular da Xunta aseverou que a pandemia e a recuperación aloxan retos e grandes oportunidades e aproveitou a súa intervención para poñer en valor o traballo do tecido produtivo galego e, en particular, do da provincia de Pontevedra, que fixeron posible que, durante a covid, a economía galega resistise mellor. Así, e a modo de exemplo, resaltou que en 2021 o tecido empresarial pontevedrés rachou a barreira dos 12.000 millóns de euros en exportacións, o que contribuíu a que Galicia superase por primeira vez os 25.000 millóns de euros.

Neste camiño, Feijóo reiterou o compromiso da Administración autonómica cunha comarca de Pontevedra con máis e mellores servizos, reflectido nun novo hospital, o Gran Montecelo, que, cun investimento de máis de 130 millóns de euros, estará finalizado entre finais de 2023 e comezos de 2024; nunha estación intermodal, que estará rematada nesta primeira metade do ano; ou nun investimento de 50 millóns de euros ata 2023, para o saneamento da Ría.

Así mesmo, subliñou que a semana pasada a depuradora de Praceres superou un novo trámite coa aprobación do informe de impacto ambiental; “e avanzamos tamén na construción do novo emisario submarino, na mellora do bombeo de Cocheras, no saneamento do río Lameira en Marín ou nos novos bombeos da Seca e Porto Campelo en Poio”, engadiu.

Logo de resaltar os case 14 millóns investidos para a mellora de 10 centros de Pontevedra, como o IES Valle Inclán, e a ampliación do albergue para dar un mellor servizo aos peregrinos do Camiño Portugués; o responsable autonómico confirmou unha achega, neste 2022, de 2,6 millóns de euros para a residencia de maiores de Campolongo, así como o inicio, proximamente, das obras da nova residencia impulsada pola Fundación Amancio Ortega. Ademais dun orzamento de 20 millóns euros para proxectos como: a mellora da residencia pública de Marín, a depuradora de Vilaboa, a nova planta de transferencia de residuos da Lama ou a remodelación no porto de Bueu.

Por outra banda, e en materia de infraestruturas, destacou o plan de sendas na comarca e no Morrazo, que rolda os 20 millóns de euros; o proxecto para humanizar e mellorar a estrada vella de Marín, cuxo primeiro proxecto licitarase neste primeiro semestre.

O presidente do Goberno galego aproveitou a tribuna para defender que hai unha solución para a continuidade de Ence, como reflicte a proposta para adscribir os terreos da pasteira á Autoridade Portuaria de Marín; ao tempo que salientou tamén a interposición dun recurso de inconstitucionalidade por parte da Xunta sobre a Lei de Cambio Climático do Goberno, para disipar o risco de continuidade de 5.000 edificacións -conserveiras, depuradoras, colexios, centros de saúde, etc- na costa.
 

Imaxes relacionadas