A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade compareceu no Pleno do Parlamento para dar conta do traballo desenvolvido pola Xunta para dotar os galegos dun transporte público en autobús eficaz, competitivo e mellor adaptado ás necesidades da xente

Ethel Vázquez avanza que a Xunta rebaixará o prezo de autobús aos 150.000 veciños de 119 concellos rurais coa posta en marcha da Área de Transporte de Galicia

Explica que os municipios de menos de 2.000 habitantes e cun menor grado de urbanización se incorporarán de xeito directo no verán a esta iniciativa da Xunta, que suporá descontos de 0,50€ en cada viaxe e transbordos gratuítos

Destaca a acollida e o éxito da tarxeta Xente Nova, coa que 110.000 mozos menores de 21 anos viaxan gratis por toda Galicia nos autobuses da Xunta, co aforro que isto supón ás súas familias, de entre 500 e 1.800 euros ao ano

Subliña que esta iniciativa social permitiu bonificar o pasado ano case 3,2 millóns de viaxes cun investimento da administración autonómica de máis de 4,3 M€
 

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que a Xunta vai rebaixar o prezo do autobús interurbano para os 150.000 veciños de 119 concellos rurais coa posta en marcha da Área de Transporte de Galicia.

Así o anunciou esta mañá no Pleno do Parlamento galego, onde compareceu para dar conta do traballo desenvolvido pola Xunta nos últimos anos para renovar e modernizar todas as concesións de transporte interurbano, dotando os galegos dun transporte público por estrada eficaz, competitivo e mellor adaptado ás necesidades da xente.

Ethel Vázquez explicou que a Área de Transporte de Galicia, na que traballa o Goberno galego, suporá estender a toda a Comunidade os descontos no transporte público que xa funcionan nas áreas de transporte metropolitano, con bonificacións nos prezos dos billetes ou transbordos gratuítos, asumindo a Xunta un 80% do custo e os concellos o 20% restante. Trátase, abondou, de aplicar un modelo único de mobilidade interurbana con tarifas igualitarias para os usuarios de autobús dos 313 concellos galegos, pagando os usuarios unicamente en función da distancia.

Neste marco, e tendo en conta a atención prioritaria ao rural que está a facer a Xunta para tentar reverter o despoboamento, Ethel Vázquez referiu que aqueles municipios máis pequenos, os que teñan menos de 2.000 habitantes e un menor grado de urbanización, se incorporarán de xeito directo á Área de Transporte, asumindo a Administración autonómica o custo desa incorporación.

Isto, na práctica, permitirá que 150.000 veciños de 119 concellos se vexan beneficiados de xeito automático dos descontos que xa desfrutan os cidadáns das áreas de transporte metropolitano: descontos de 0,50 euros en cada viaxe no autobús da Xunta e transbordos gratuítos nas viaxes interurbanas.

Segundo detallou Ethel Vázquez, beneficiaranse desta iniciativa 69 concellos da provincia de Ourense; 30 da de Lugo; 15 da provincia da Coruña; e 5 da de Pontevedra.

A titular de Infraestruturas adiantou que en próximas semanas se vai someter a información pública a creación da Área de Transporte de Galicia para introducir estas melloras co obxectivo de elevala ao Consello da Xunta a comezos de verán para a súa aprobación. Explicou que o seguinte paso será a autorización do convenio tipo para posibilitar a adhesión dos demais concellos de Galicia e iniciar a posta en marcha efectiva da Área de Transporte de Galicia este mesmo verán.

Conquista social que supón a tarxeta Xente Nova

Na súa intervención, a titular de Infraestruturas e Mobilidade referiuse á tarxeta Xente Nova como “un antes e un despois” no transporte público, sendo Galicia pioneira en España na aplicación dunha medida que supón a gratuidade no transporte da Xunta para os menores de 21 anos en toda a comunidade.

Referiuse especificamente ao éxito que está a colleitar esta iniciativa, que supón unha auténtica conquista social, ao facilitarlle aos mozos o acceso a servizos esenciais como a educación e incidindo tamén no seu crecemento persoal, ao abrir as posibilidades para a práctica de actividades deportivas ou culturais; pero tamén polo importante aforro que supón para as familias, de entre 500 e 1.800 euros ao ano. Puxo o exemplo dun estudante de Ferrol que se despraza todos os días á Coruña e viaxa gratis empregando a tarxeta Xente Nova, o que lle permite un aforro anual de 1.350 euros ao ano.

Ethel Vázquez apuntou que esta iniciativa social permitiu bonificar o pasado ano case 3,2 millóns de viaxes cun investimento da Xunta de máis de 4,3 M€.

Nesa aposta sen precedentes que o Goberno galego realiza polo transporte público, a conselleira referiuse a outra medida pioneira no conxunto do Estado, posta en marcha para facilitar as visitas á poboación reclusa, beneficiando a 3.000 familias. Así, explicou que o pasado 28 de xaneiro se implantaron servizos específicos aos cinco centros penais da Comunidade, ampliando itinerarios, creando novas frecuencias e axustando os horarios ás quendas de visita.

80 M€ ao ano para ofrecer un transporte moderno, útil e eficaz

Ethel Vázquez detallou o traballo desenvolvido pola Xunta nos últimos anos para modernizar todo o mapa de transporte de autobús interurbano da comunidade e dotar os galegos dun transporte propio do século XXI, moderno, útil e eficaz.

Sinalou que, baixo o principio de “nin xente sen autobuses, nin autobuses sen xente”, se implantaron novas modalidades de transporte, como o transporte a demanda e o transporte compartido, que aproveita as prazas baleiras dos escolares, sendo unha solución eficaz á mobilidade, especialmente, dos veciños do rural.

A este respecto incidiu en que o autobús compartido supuxo, por exemplo, que concellos como Riotorto, Ribeira de Piquín, Carballeda de Valdeorras ou A Mezquita, polos que antes non pasaba ningunha liña regular de autobús, agora dispoñan deste servizo co que os veciños poden achegarse ao centro de saúde, ao banco ou a facer os seus recados.

Como proba do éxito do funcionamento destas novas modalidades de transporte, Ethel Vázquez referiuse aos datos: fronte ás 464 liñas de autobús compartido existentes en 2017, agora están funcionando 2.245 liñas de autobús compartido; empezouse con 3.193 paradas cando agora hai 23.758; e de 339.254 servizos compartidos en 2017 pasouse a 892.643 que se prestan na actualidade. Expuxo tamén como mostra da incidencia social que supón este transporte o feito de que en 2021 a media mensual de usuarios xerais que empregaron o transporte compartido se situase en preto de 27.000 viaxeiros, fronte aos 5.357 do ano 2018.

En canto ao transporte a demanda, tamén experimentou un incremento de opcións importante: conta actualmente con 2.226 liñas e 20.834 paradas, e pechou o 2021 con 570.248 servizos e con máis de 12.000 usuarios que empregaron o autobús a demanda.

Ethel Vázquez salientou que, no seu conxunto, o Plan de Transporte Público de Galicia supuxo activar 127 contratos que configuran hoxe a rede autonómica de transporte; renovar 3.436 liñas de autobús; habilitar 53.000 paradas; ofrecer ao ano máis de 2,3 millóns de horarios e percorrer máis de 57 millóns de quilómetros, movendo, de media, preto de 3 millóns de viaxeiros ao mes. Para garantir estes servizos e ofrecer aos cidadáns un transporte en autobús de calidade, a Xunta está a destinar 80 M€ ao ano.

Vázquez Mourelle incidiu en que, grazas ao Plan de Transporte Público de Galicia, se puxo ao servizo dos galegos un transporte público viable, sostible e útil, mellor adaptado ás necesidade de mobilidade da xente e máis apegado á realidade territorial de Galicia. Subliñou que o proceso de modernización levado a cabo significou a mellora e extensión dos servizos; unha modernización tecnolóxica e tamén rebaixa de prezos.

Explicou, a este respecto, que se reduciron as tarifas do billete de xeito xeneralizado: coa aplicación dun sistema de prezos homoxéneo e equitativo; con descontos especiais por recorrencia ao pagar coa tarxeta TMG, do 25% no prezo dos billetes se se superan as 20 viaxes no mesmo mes e do 50% a partir das 40 viaxes; e cunha ampla oferta de bonos que ofrece prezos moi competitivos. Por exemplo, por só 50 € ao mes é posible viaxar de forma ilimitada entre A Coruña e Ferrol e nas conexións intermedias; isto, para quen se despraza a diario, supón pagar pouco máis de 1 € por cada viaxe.

Referiuse ao Plan de Transporte Público como un plan en constante mellora e ampliación para adecuarse ás necesidades de mobilidade, cambiantes, como así o demostran os reforzos implantados nas conexións entre Ferrol e A Coruña; a adaptación dos servizos entre Culleredo e a cidade herculina; a adaptación dos horarios tras a chegada do AVE a Ourense, ou os novos servizos aos centros penais.
 

Imaxes relacionadas