A Xunta pon en valor as distintas investigacións levadas a cabo polos centros dependentes da Axencia Galega da Calidade Alimentaria

O director da Axencia participará nunha xornada expositiva que terá lugar o vindeiro xoves no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude

No acto, os investigadores dos distintos centros da Consellería do Medio Rural presentarán as súas liñas de traballo, os resultados obtidos e as estratexias concibidas para facelos chegar ao sector primario, no caso das actividades de transferencia

Da Axencia dependen catro centros de referencia: Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia e Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2022

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, porá en valor o vindeiro xoves a súa actividade investigadora e de transferencia nunha xornada expositiva que terá lugar en horario de mañá no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude, no concello coruñés de Boqueixón.

No acto -no que participará o director da Axencia, José Luis Cabarcos-, representantes dos distintos centros de investigación da Consellería presentarán as súas liñas de traballo, facendo fincapé nos coñecementos xerados tanto nos proxectos en curso como nos recentemente concluídos. Nesa liña, farán balance do financiamento empregado -en medios humanos ou materiais- en relación aos beneficios que supoñen os resultados das investigacións. Así mesmo, sinalarán as estratexias concibidas para facer chegar eses resultados ao sector primario, no caso das actividades de transferencia.

Outros puntos que se detallarán nesta xornada serán os axentes ou entidades cos que se colaborou ou está a colaborar para levar a cabo as investigacións. Por último, os participantes farán referencia aos retos de futuro das distintas liñas de traballo expostas e a como se poden aproveitar mellor os resultados de I+D+i en cada caso.

A Axencia

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria non só é o instrumento básico de actuación da Xunta en materia de promoción e protección da calidade diferencial dos produtos alimentarios galegos acollidos aos distintos indicativos de calidade, senón que tamén é competente na investigación e realización do desenvolvemento tecnolóxico relativo ao sector agroalimentario. Así mesmo, promove actividades de I+D+i nos sectores agrícola, gandeiro, forestal e da industria agroalimentaria.

A Axencia conta na súa estrutura con tres centros de investigación de referencia (Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, Centro de Investigación Forestal de Lourizán e Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia) dos que dependen catro Estacións Experimentais (Estación Experimental de Gandaría de Montaña do Marco da Curra, Estación Experimental Agrogandeira da Pobra do Brollón, Estación Experimental Agrícola do Baixo Miño e Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía en Ribadumia) e o Banco de Recursos Fitoxenéticos Agrarios e Forestais da Comunidade Autónoma de Galicia. Ademais, incorpora na súa estrutura o Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia e seis centros de formación e experimentación agraria (Sergude, Guísamo, Becerreá, Pedro Murias Ribadeo, Monforte de Lemos e Lourizán).