A Xunta anuncia a retirada de preto dun millón de expedientes para desconxestionar as instalacións xudiciais

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o acordo da Xunta de Expurgación coas relacións documentais que se retirarán, a maioría correspondentes aos xulgados de Vigo, tendo en conta a entrada en funcionamento da Cidade da Xustiza

Os interesados nalgunhas das actuacións xudiciais aprobadas terán un prazo de 2 meses para recuperar os documentos presentados no seu día aos procedementos

O Plan de Expurgación da documentación xudicial de Galicia foi recoñecido co Premio á Calidade da Xustiza outorgado polo Consello Xeral do Poder Xudicial

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2022

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio da Xunta de Expurgación de Galicia, coa relación documental de case un millón de expedientes xudiciais afectadas polo proceso de expurgo co obxectivo de desconxestionar as instalacións xudiciais da comunidade. A retirada dos arquivos acordouse na última reunión do organismo o pasado 17 de decembro con informe favorable do departamento competente en materia de patrimonio cultural da Consellería de Educación, Cultura e Universidade.
Da documentación estudada, 820.000 expedientes -na súa maioría correspondentes a antigos xuízos de faltas- corresponden ao distrito xudicial de Vigo, tendo en conta a entrada en funcionamento da nova Cidade da Xustiza.
En concreto, aprobase a retirada de 988.641 expedientes no conxunto da comunidade: 823.243 na provincia de Pontevedra, 100.222 na de Lugo, 35.405 na de Ourense e 29.771 na da Coruña.
O proceso de expurgo afecta a xulgados de Primeira Instancia e Instrución dos concellos de Pontevedra, Vigo, Cambados, A Estrada, Ponteareas, O Porriño, Redondela, Tui, Vilagarcía de Arousa e Cangas, na provincia de Pontevedra; Ourense, Bande, Ribadavia e Verín, na provincia ourensá; A Coruña, Betanzos e Corcubión, na provincia coruñesa; e Lugo, Chantada, Monforte de Lemos e Sarria na provincia lucense.
Entre a relación documental da que se aprobou a súa eliminación inclúense expedientes de xuízos de faltas e de recursos de apelación contra estes procedementos, así como expedientes de recursos de apelación contra autos civís e penais e sentencias civís e penais ante a Audiencia Provincial, ademais de dilixencias previas e recursos de suplicación. Os documentos máis antigos da lista datan de 1956.
Os interesados nalgunhas destas actuacións xudiciais terán un prazo de 2 meses para recuperar os documentos propios que presentaran no seu día no proceso xudicial ou para obter testemuño e certificación destas actuacións por ter interese lexítimo. Neste prazo deberán presentar unha solicitude por escrito ante a Secretaría da Xunta de Expurgación.
A Xunta de Expurgación está presidida polo presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ou o maxistrado que o substitúa, e dela forman parte vogais desta entidade, un membro do Ministerio fiscal, un funcionario da Dirección Xeral de Xustiza e un técnico especialista en arquivos e un secretario xudicial.

Proceso de expurgo

O Goberno galego conta cun plan de expurgo na Administración de Xustiza co obxectivo de desconxestionar as instalacións xudiciais, organizar a documentación de forma que quede mellor ordenada e redundar nunha mellora na xestión diaria.
Deste xeito, a Xunta impulsou a elaboración de normas de desenvolvemento para facer efectiva a organización e expurgo da documentación xudicial e dotou de persoal técnico aos 4 arquivos territoriais provinciais, ademais de elaborar unha aplicación informática para a xestión do ciclo de vida dos documentos e expedientes xudiciais, así como o control das pezas de convicción existentes. Estes traballos permitiron eliminar 100 toneladas de pezas de convicción, o que permite liberar espazo nas sedes xudiciais.
Grazas a todas estas actuacións, máis dun 1,2 millóns de expedientes – que equivalen a dez quilómetros lineais- foron transferidos á Xunta de Expurgación Xudicial e aos arquivos históricos provinciais.
Cómpre lembrar que o proxecto de Expurgo da Documentación Xudicial de Galicia foi recoñecido co Premio á Calidade da Xustiza outorgado polo Consello Xeral do Poder Xudicial como referente na busca da mellora da calidade do servizo público dunha xustiza accesible. Ademais, as actuacións levadas a cabo teñen permitido identificar expedientes de interese histórico para a súa conservación permanente.

Imaxes relacionadas