A directora xeral de Patrimonio Natural e a delegada territorial da Xunta en Ferrol mantiveron unha reunión para analizar os pasos a dar

A Xunta inicia en marzo a rolda de contactos directos cos concellos nas Fragas do Eume para implicalos no Plan de xestión do parque

O Goberno galego agarda a colaboración de Cabanas, A Capela, Monfero, Pontedeume e As Pontes para identificar as entidades, asociacións e organizacións do seu termo municipal a ter en conta para os futuros encontros

O parque natural da provincia da Coruña será o último que conte con esta ferramenta coa que se reforza o equilibrio entre a necesaria conservación e os posibles usos

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2022

A Xunta iniciará en marzo unha rolda de contactos directos cos alcaldes dos concellos nos que se localiza o Parque Natural Fragas do Eume, para implicalos na redacción do Plan reitor de usos e xestión (PRUX).

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, mantiveron unha reunión na que analizaron os pasos e calendario de traballo que se marcan para “chegar” a todos os implicados no desenvolvemento medioambiental, cultural, económico e turístico deste parque —o segundo máis extenso de Galicia, tras o Xurés, con 9.125 hectáreas—.

Os primeiros encontros serán cos rexedores dos concellos de Cabanas, A Capela, Monfero, Pontedeume e As Pontes, aos que lles solicitará novamente a colaboración para identificar as entidades, asociacións e organizacións do seu termo municipal a ter en conta para os futuros encontros.

A rolda de contactos continuará coa citación dos representantes dos terreos do parque —titulares de montes veciñais e man común—, con diferentes asociacións representativas vinculadas ao parque, para trasladarlles o contido e obxectivos de futuro do plan. Asemade, tamén se manterán encontros técnicos cos departamentos sectoriais autonómicos para recompilar as súas achegas.

Tal e como lle trasladou a directora xeral á delegada territorial, a Consellería aposta pola fórmula de contacto aplicada para impulsar o PRUX do Xurés —o redactado anteriormente e aprobado o pasado 3 de febreiro polo Consello da Xunta— e contactar “un a un”, para coñecer de xeito directo as inquedanzas e sensibilidades, ao tempo que se aclaran dúbidas de xeito individual.

Do Campo defendeu que un PRUX é unha ferramenta de protección e conservación para aqueles espazos que posúen unha características que os fan únicos; ao tempo que tamén é un instrumento para regular e integrar todas aquelas actividades e usos que poidan poñer en valor os seus recursos, sen comprometer a súa protección.

Nese sentido, apuntou que é necesario escoitar individualmente a todos os axentes que están no territorio, coñecer as súas inquedanzas e sensibilidades e, entre todos, converter os recursos en oportunidades, ao tempo que se garanten e manteñen os valores que ostentan.

Engadiu que este é o primeiro paso para dar unha resposta de consenso para o desenvolvemento deste espazo, que na actualidade se regula por un plan de ordenación, e poder aprobar este mesmo ano o plan reitor.

Imaxes relacionadas