A Xunta renova o convenio coa asociación Cans de Salvamento de Galicia para a busca e rescate de persoas desaparecidas

A organización interviu en 2021 cos cans adestrados da organización e os seus guías en 11 operativos de buscas en grandes áreas

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2022

A Xunta vén de renovar o convenio anual que mantén coa asociación Cans de Salvamento de Galicia (Casaga) en materia de protección civil para a busca e rescate de persoas desaparecidas ou en perigo na zona norte da provincia da Coruña e na provincia de Lugo, así como noutros espazos da comunidade galega.


O Goberno galego colaborará con 15.000 euros no financiamento das intervención da asociación en apoio a actuacións de protección civil e emerxencias nas que os cans adestrados de Casaga xogan un papel primordial, formando equipos ou en colaboración cos existentes.
A través deste acordo, a Xunta colaborará nos custos de Casaga en actividades de formación, adestramento e divulgación, ou no que se refire á manutención, desprazamentos e aloxamentos de equipos caninos. O convenio tamén cubre o pagamento de seguros dos cans e dos guías dos equipos de rescate xunto cos gastos de atención veterinaria, vestimenta e material funxible necesario para as intervencións.
A Asociación de Cans de Salvamento de Galicia creouse en 2002 coa idea de prestar un servizo na comunidade e foi constituída nun principio por profesionais dos corpos de bombeiros de Ferrol e Lugo aumentado de forma progresiva os seus equipos e actuacións.

Como obxectivo principal ocúpase de preparar equipos, formados por un guía e un can, destinados á localización de persoas desaparecidas, estar a disposición da Dirección Xeneral de Emerxencias e Interior de Galicia así como do resto das organizacións de axudas e organismos oficiais para a atención as emerxencias que puideran xurdir e ser necesarios a colaboración desta entidade. Durante o ano pasado, a petición da Central de Atención de Emerxencias 112-Galicia, requiriuse a participación dos cans adestrados e os seus guías en 11 dispositivos de busca e rescate de persoas.
Ademais de intervir nos dispositivos de rescate, Casaga colaborou en distintos operativos a nivel nacional e internacional e pasou a formar parte, como recurso externo, do Centro Nacional de Desaparecidos, dependente do Ministerio de Interior, converténdose nun referente no rescate canino en España e Portugal.