A Xunta realiza actuacións de conservación e limpeza no treito interurbano do río Condomiñas no concello de Cedeira

Os traballos desenvólvense nun treito de 1,5 quilómetros de lonxitude, ao seu paso polas parroquias de Santa María do Mar de Cedeira e de Santa María de Régoa

As tarefas céntranse na retirada de árbores e pólas caídas para evitar atoamentos

As accións enmárcase no programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito Galicia-norte

O departamento que preside Ethel Vázquez continúa a traballar na mellora dos leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e limpeza no treito interurbano do río Condomiñas, no concello de Cedeira.

Estes traballos estanse a desenvolver nun treito do río de 1,5 quilómetros de lonxitude, ao seu paso polas parroquias de Santa María do Mar de Cedeira e de Santa María de Régoa.

As tarefas céntranse na retirada de árbores e pólas caídas na canle para evitar atoamentos. Unha vez finalizadas estas actuacións, o río quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial Galicia-norte e nas súas zonas de acceso e protección.

Estas intervencións do departamento que preside Ethel Vázquez contribúen á mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais dos ecosistemas que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna dos ríos.

Imaxes relacionadas