A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, reuniuse esta semana con representantes do Clúster de Turismo de Galicia para abordar a situación deste espazo

A Xunta anima ao sector turístico a implicarse na futura regulación de usos no illote Areoso

O presidente da entidade, Cesáreo Pardal, comprométese a enviar as súas achegas e propostas nos vindeiros días para tentar enriquecer o documento, no que xa está a traballar a Consellería co obxectivo de poñelo en práctica este mesmo verán

Coinciden na necesidade de contar cun plan de xestión que garanta o aproveitamento turístico, recreativo e económico da zona de xeito compatible coa súa conservación
 

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2022

A Xunta de Galicia animou esta semana ao sector turístico a implicarse de forma directa na futura regulación de usos no illote Areoso e na súa contorna impulsada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda co fin de garantir a protección dos seus valores naturais e un aproveitamento sostible desde o punto de vista económico, recreativo e turístico.

No marco dunha xuntanza con representantes do Clúster Turismo de Galicia para abordar a situación deste espazo, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, explicoulles que a comezos de febreiro a Xunta e o Concello da Illa de Arousa acordaron traballar da man nun plan de xestión para Areoso, unha demanda compartida tamén polo sector pesqueiro e marisqueiro que faena nas súas augas.

Cómpre lembrar que Areoso é un pequeno illote integrado na Zona de Especial Conservación Complexo Ons-O Grove —por tanto, en Rede Natura— que durante os meses de verán recibe unha importante afluencia de visitantes, en aumento nos últimos anos.

O obxectivo, tal e como indicou Belén do Campo, é establecer unha regulación axeitada que garanta na tempada estival a protección dos recursos naturais do illote e a súa convivencia cos usos tradicionais presentes na zona —que alberga unha importante actividade pesqueira e marisqueira— e o seu máis recente aproveitamento turístico —marcado por un número crecente de visitantes que acceden ao illote por mar, utilizando diferentes medios de transporte—.

Para iso, a Xunta está a redactar xa un plan de xestión para Areoso, figura prevista na Lei de patrimonio natural de Galicia e para o cal se tomaron como base os traballos realizados pola Consellería nos anos 2019 e 2020 e que quedaran temporalmente en suspenso pola crise da covid-19. O obxectivo é poder empezar a aplicalo este mesmo verán.

No proceso de elaboración da futura regulación de usos no illote, a directora xeral considerou necesario poder contar tamén coa perspectiva e as achegas do sector turístico, motivo polo que decidiu convocar aos responsables do Clúster a unha xuntanza.

Pola súa banda, o presidente da entidade, Cesáreo Pardal, coincidiu na necesidade de dispoñer dun plan de xestión que garanta o aproveitamento turístico, recreativo e económico desta zona de forma compatible coa súa imprescindible conservación.

Así, avanzou que contactará coas principais empresas que prestan servizos de ocio, deporte e turismo relacionados co Areoso para recadar a súa opinión e aglutinar as posibles achegas e propostas que teñan ao respecto, comprometéndose a remitilas nos vindeiros días á Consellería co fin de enriquecer o documento no que está a traballar.

Por último, Belén do Campo considerou fundamental que a futura regulación de usos nesta illa e na súa contorna se aborde tendo en conta todas as perspectivas e as diferentes actividades que, sobre todo no verán, conviven na mesma. “Todos temos o obxectivo común de buscar as alternativas máis sostibles para consolidar o illote Areoso como un destino de ecoturismo que contribúa a poñer en valor a riqueza do seu patrimonio natural, etnográfico e cultural”, asegurou.
 

Imaxes relacionadas