A AGASP imparte un curso de defensa persoal e intervención policial para os efectivos das forzas e corpos de seguridade

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou hoxe aos 120 efectivos da Policía Autonómica, Policía Nacional, Garda civil, Policía Local, militares da Brilat e membros da policía portuaria que participan na formación

O obxectivo principal é capacitar ao persoal en técnicas axeitadas para o desenvolvemento da súa actividade diaria
 

A Estrada (Pontevedra), 19 de febreiro de 2022

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou hoxe aos 120 efectivos de forzas e corpos de seguridade que se están a formar en defensa persoal e intervención policial na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) desde onte e que continuarán ata mañá pola mañá co obxectivo de poñer en práctica tódalas técnicas necesarias no desenvolvemento da súa actividade diaria.

O curso basease en contados como a transmisión de habilidades prácticas en diferentes destrezas como patrulla, traballo en binomios, técnicas especiais de detención, uso de bastón policial extensible, resolucións policiais ante agresións con cóitelos ou operativa de vehículos.

A formación está a ser impartida polo inspector xefe do Corpo Nacional de Policía José María Benito, que ademais se encarga da coordinación en toda España da formación en materia de defensa personal policial. Na súa visita de hoxe, o director xeral de Emerxencias e Interior entregoulle unha placa conmemorativa en recoñecemento ao seu apoio durante máis de dúas décadas a este curso, o máis repetido da historia da AGASP e que xa se converteu nun punto de encontro entre as forzas e corpos de seguridade. Así, recoñeceu a súa implicación coa formación dos axentes ao trasladarse cada ano a Galicia.

De feito, entre os 120 asistentes á formación están a participar membros da Policía Autonómica, Policía Nacional, Policía Local, Garda Civil, militares da Brilat e policía portuaria.

Esta XXV edición do curso de defensa persoal e intervención que se está a celebrar forma parte das 104 actividades formativas da AGASP destinadas neste primeiro semestre ás forzas e corpos de seguridade e que se suman aos 169 cursos levados a cabo ao longo de 2021.
Este ano, na Academia tamén se formará a 14ª promoción da Policía Local, cos 70 alumnos que xa están a rematar o proceso de selección. A través desta vía cubriranse as prazas comunicadas por 29 municipios, no marco do convenio de colaboración entre a Xunta e os concellos galegos aos que están adscritas 89 entidades locais das 129 con corpos de Policía Local.

Ademais, está prevista a publicación ao longo do primeiro semestre de distintas convocatorias para cubrir outras 16 prazas de inspectores e oficiais que integrarán a promoción de mandos que se formará na Academia.