O titular do Goberno galego presidiu a sinatura do convenio entre a Xunta e as Universidades de Santiago, A Coruña e Vigo no marco do Plan Galego de Financiamento Universitario 2022-2026

Feijóo resalta a maior aposta de Galicia pola universidade cunha mobilización de 3.200 M€ centrada na innovación, a internacionalización e a investigación avanzada

Agradece aos tres reitores galegos este acordo, froito directo do compromiso e do diálogo entre as tres universidades

Salienta que cun plan de financiamento a medio prazo, a Comunidade é pioneira en dar estabilidade e certezas ás universidades; como o é tamén na conxelación das taxas de matrícula desde o curso 2011-2012

Santiago de Compostela, 18 febreiro de 2022

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a maior aposta de Galicia pola universidade, cunha mobilización de 3.200 millóns de euros, nos vindeiros cinco anos, centrada en eixos como a docencia innovadora, a internacionalización ou a investigación avanzada.

“Estamos a falar do plan máis ambicioso da historia das universidades galegas, co que damos garantía ás mesmas, en materias como: a viabilidade financeira, a contratación do persoal ou para posicionar o sistema universitario galego dentro do europeo”, asegurou, incidindo nas marcas de identidade do SUG: a internacionalización; a mellora das relacións co mundo laboral, “dun xeito constante e permanente”; a docencia innovadora; a investigación avanzada; e a sustentabilidade, “porque a universidade do S.XXI ten que ser proactiva co coidado do medio ambiente”.

Durante a sinatura do convenio entre a Xunta e as Universidades de Santiago, A Coruña e Vigo, no marco do Plan Galego de Financiamento Universitario 2022-2026, Feijóo quixo dar as grazas aos tres reitores galegos por este acordo, froito directo do compromiso e do diálogo entre as tres universidades.

Máis polo miúdo, o titular do Executivo autonómico explicou que o novo plan divídese en dous fondos: un financiamento non condicionado, é dicir, fondos de libre disposición para os campus, como por exemplo, para gasto corrente e mantemento de infraestruturas; ou para o plan de viabilidade financeira, eficiencia e mellora enerxética. E un financiamento da investigación para impulsar a I+d+i, cun 41% máis de investimentos, ata chegar aos 400 millóns de euros no quinquenio.

Ao longo da súa intervención, Feijóo salientou que cun plan de financiamento a medio prazo, a Comunidade é pioneira en dar estabilidade e certezas ás universidades; “como o é tamén na conxelación das taxas de matrícula desde o curso 2011-2012”, engadiu.

“En definitiva, estamos ante un acordo que blinda a capacidade financeira e o funcionamento destas institucións; e que dá estabilidade e certezas a todos os campus. Un acordo de país, que amosa que a capacidade de diálogo e cooperación entre as administracións e institucións públicas son claves para chegar a consensos e avanzar”, concluíu.

Imaxes relacionadas