Ethel Vázquez destaca o investimento da Xunta de 328.000€ na ampliación e posta en valor da ponte sobre o río Grande en Baio para favorecer a seguridade e a mobilidade dos veciños de Zas e de Vimianzo
A ampliación permitiu pasar dunha plataforma de 8 metros a case 12, contando con 2 carrís, beiravías, peitorís que apoian no taboleiro e beirarrúas
A conselleira destaca que se deseñou a actuación elevada a modo de calmado de velocidade, unha solución técnica máis efectiva e menos ruidosa que os redutores transversais
Subliña a posta en valor acadada na ponte e na súa contorna, en cuxas obras foron empregados materiais de ‘km 0’, como as grandes lousas fabricadas en Buño
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe o investimento da Xunta de 328.000 euros na ampliación e posta en valor da ponte sobre o rio Grande en Baio para favorecer a seguridade e a mobilidade dos veciños de Zas e de Vimianzo.
Vázquez Mourelle supervisou esta actuación que está practicamente rematada, restando só a colocación da escaleira para acceder á beira de augas arriba da ponte, o chapado en pedra do muro de formigón e a retirada dos restos dos soportes de canalizacións e servizos, cando o caudal do río o permita.
A ampliación da ponte levouse a cabo mediante a execución dunha nova lousa de formigón armado, con voadizos en ambos os laterais. Así, dispuxéronse 13 lousas prefabricadas de sección completa que miden máis de 12 metros e cun peso que nalgún caso supera as 24 toneladas. Para isto, empregouse material de proximidade, xa que as lousas foron fabricadas en Buño, e apostouse por materiais ‘km cero’, que xeran emprego e riqueza na contorna.
Coa ampliación, sinalou que se pasa dunha plataforma de 8 metros a case 12, o que permite contar agora con 2 carrís de 3 metros de ancho, beiravías, peitorís que apoian no taboleiro e beirarrúas de 2,10 m. en ambos os lados da ponte.
Explicou que se deseñou a actuación elevada de xeito intencionado, a modo de redutor de velocidade, ao que tamén contribúe o trazado en curva do lado de Vimianzo, dado que este é un tramo urbano limitado a 30 km/hora. Neste sentido, indicou que é unha solución técnica máis efectiva e funcional e menos ruidosa que os redutores transversais.
Subliñou tamén a posta en valor acadada na ponte e na súa contorna, agochando no interior do taboleiro as liñas de servizo que antes discorrían polo exterior, unha mellora estética palpable que contribúe a resaltar a singularidade e a propia estrutura.
A conselleira remarcou a complexidade das obras acometidas na ponte, que conta con protección integral, e avanza que a Xunta está a traballar con Patrimonio na posibilidade de dotala de iluminación.
Singularidade e complexidade
Ethel Vázquez recordou que os contratempos e circunstancias sobrevidas durante as obras obrigaron á Xunta a ir buscando solucións ás distintas situacións, polo que agradeceu aos veciños a súa paciencia e comprensión.
No inicio dos traballos, coa demolición da antiga beirarrúa, comprobouse que esta estaba sostida por un contrapeso sobre a propia ponte e tiña unhas dimensións maiores das previstas. Isto obrigou a realizar demolicións de máis alcance e a reorganizar os traballos, poñendo todo o coidado para non danar a estrutura.
Para poder retirar as conducións de abastecemento e de electricidade que ían polo exterior, tamén tivo lugar a dificultade de que a fábrica da ponte non era regular. Así, para agochar esas canalizacións polo interior houbo que elevar lixeiramente a plataforma.
Dadas estas circunstancias, a conselleira fixo fincapé en que a pesar da complexidade das obras, a Xunta procurou ser sempre sensible ás demandas dos veciños, comerciantes e dos dous concellos. A este respecto, mantívose en todo momento a circulación a pé e interrompéronse os traballos cando foi requirido, para minimizar afeccións.